Bookmark and Share

lunes, 29 de diciembre de 2014


Mudando recordos...

Seica o río Xallas (Dumbría, A Coruña) é o único de Europa que desemboca nunha fervenza. A fervenza do Ézaro, que na súa caída se funde coas augas do Atlántico, que se adentra no interior e forma unha poza de máis de 16 metros de profundidade. Doce e salgado fúndense nun espazo cheo de maxia e engado que ben merece a pena descubrir.

Unha fermosa pasarela de madeira, perfectamente fusionada co entorno, leva aos visitantes ata a fervenza. Un consello, non vos apuredes. Respirade fondo e camiñade. Tomádevos o voso tempo en dar cada paso e gozade das sobrecolledoras vistas que as moles graníticas impoñen.  

Segundo vaiades avanzando, a fervenza do Ézaro irase deixando oír e ver. Maxestuosa na súa caída dende máis de 40 metros de altura e impasible ante a presencia de turistas, visitantes e ducias de cámaras de fotos que queren deter nunha instantánea unha caída que nunca se detén.

Unha vez se chega ao fin da pasarela, unha especie de anfiteatro invita a descansar e contemplar. Outra opción é baixar unhos chanzos e visualizar a fervenza dende as pedras que emerxen da auga. É un bo lugar no que sentar e evadirse. Alonxarxe do mundo que nos rodea, esquecer pensamentos negativos e deixarse levar polo momento. Respirar a paz que a auga transmite co seu son e a súa visualización. E cargarse de enerxía.

Recomendable a visita  en temporada baixa, cando o balbordo da xente non interrumpe os vosos pensamentos e podedes facer fotografías da fervenza, só da fervenza e non sentirvos incómodos por sentarmos a pasar minutos e minutos tan só mirando. Pechando os ollos de cando en cando e respirando con profundidade e sentindo liberdade. Liberdade. Gozade do momento

Unha vez eiquí. Imprescindible subir ata o mirador do Ézaro. Tras unha impresionante subida dende a fervenza, o mirador sito no pico chamado Cruz de Pao, a 273 metros de altitude, ofrece unha das mellores panorámicas da Costa da Morte e que fan sentir o pequenos que somos neste mundo. O cabo Fisterra, as illas Lobeiras, o embalse de Santa Uxía e o mesmo Monte Pindo son algúns dos puntos que se deixan ver. 

Un non se cansa de visitar este lugar. Para min, é un espazo do que sei que vou precisar cada certo tempo para cargar enerxía e atopar paz. Desta última vez iba con outros ollos, outra actitude e buscando mudar sensacións e recordos. E realmente o conseguín.


Se tedes tempo, tamén podedes achegarvos ata a praia de Ézaro, a máis cercana. Tumbádevos na area, relaxádevos, dadevos un baño... deixádevos levar.

Invitovos a que vós tamén o descubrades, ou redescubrades. 

Aluméame luniña...





lunes, 22 de diciembre de 2014



Cambio zapatos de tacón 
por botas de montaña...



Tras unha noite de zapatos de tacón, estrenos, tapas e copas, impuñase unha saída en contacto coa natureza  (xa planeada, e cando organizo algo non me gustan os cambios). Facía tempo que me apetecía descubrir e adentrarme no Xurés, pero mellor non empezar ao tolo e ir pouco a pouco, ademais, o tempo no acompañaba e non me apetecía saír nos xornais. 
A ruta elexida foi a do Río Mao, unha ruta circular de 4 quilómetros, aproximadamente, con saída e chegada a Escusalla, Ludeiros, Lobios.

O punto de partida, a Escusalla, parecía estar envolto nunha brétema misteriosa, como misterioso é todo o que rodea a súa historia. Segundo os rexistros, a casa ergueuse no século XVIII polo Abade de Manín, José Martínez y Parga, un párroco cun alto poder económico. Nesa época tamén se construíu a capela de San Xosé (Santorum D Joseph) unha das primeiras dependencias que se poden ver e tamén unha das que espertan máis inquietude cando se entra nela. 
Din dela que nela habita unha pantasma chamada "Marrequiño", un fraile sen cara que se aparece acompañado de dúas mulleres. Din as lendas que é a pantasma dun cura do século XVIII que vivía na casa e que tras contratar a albaneles para diferentes arranxos, matábaos para non pagarlles e os enterraba no patio. Así, as noites, a figura do abade aparece acompañado das ánimas de todas as vítimas polas dependencias da casa.

Son moitas as estancias que se poden visitar, semidurridas, coa vexetación invadindo e marcando territorio a decote.  Trala capela e un patio central cunhas rexas columnas marcando espacio, hai unha adega e recintos que se supón que foron calabozos. Deixándose levar ata a parte de atrás vese o que foi a base dun fermoso balcón que ofrecería aos seus habitantes unhas fermosas vistas que hoxe son o encoro de Lindoso.

Cécais a suxestión, cecáis as brétemas dun día gris e a choiva miúda, pero as sensacións que transmite co seu aspecto abandonado, as enredadeiras subindo polos muros, ás árbores medrando sen trabes no medio das estancias... e realmente "especial". Pero para elo, hai que visitala coa mente aberta.

Tras a visita, toca empezar a camiñar. A unhos 100 metros da Escusalla iniciase un fermoso sendeiro no que a paisaxe autóctona con castiñeiros, piñeiros, acivros, salgueiros, bidueiros... conforman o marco paisaxístico.

Unha vez se chega ao río aparece o primeiro dos muíños restaurados, o de Flores. O roteiro discorre pegado ao río e aínda que se vaía facer camiño, aconsello deterse, observar e respirar. Mirar aorredor para poder ver o que a natureza regala a través das árbores e o discorrer da auga. Un discorrer que por veces conforma pequenas fervenzas, rápidas e cristalinas pozas de auga que, de seguro con bo
tempo invitarían ao baño (aínda que a Lobo a época do ano é o de menos e máis dun chapuzón se deu).
A omnipresencia da auga foi nese día máis, se cabe, aínda máis destacada. A choiva miúda coa que comenzou a camiñada por veces se converteu en máis intensa, pero a sensación de paz e tranquilidade non podía máis que ir en aumento. Como se a choiva purificase e levase con elo todo o malo, todos os malos pensamentos e as vibracións hostís que puideran empañar a miña vida.

Tras percorrer gran parte do río, comenza a ascensión, cunhas fermosas vistas ao val do río Mao e a Serra de Quinxo e, novamente Escusalla. Antes de emprender a volta, pódese facer un parón na área recreativa e deterse a ver a visión que o encoro de Lindoso ofrece.

É a miña primeira "incursión" ao Xurés e espero que non a última. O día serviu para un novo encontro coa natureza e conmigo mesma. Un día para desbotar o malo e ser positiva. E, por se non o sabedes, a choiva, ademais de mollar, purifica.

Aluméame luniña


domingo, 2 de noviembre de 2014

O paraíso do raigame...


Sempre pensei que non había que ir moi lonxe para atopar paraísos, Enténdase por paraísos lugares fermosos e tranquilos; segundo certas relixións, lugares onde viven as almas dos xustos trala súa morte e onde gozan de felicidade completa.

Pero os paraísos son moito máis que imaxes de postais; son sentimentos. Os sentimentos que che producen chegar a eles e pechar os ollos, deixarte levar e non pensar. Gozar de cada paso que vas dando, de cada recuncho que aparece ante ti, dos sons que te rodean... E para min, un paraíso deses está onde está o meu raigame. Carballos, castiñeiros, amieiros, sabugueiros... conxuran para dar forma a un bosque máxico, engailonte, por veces escuro, onde os animais se acubillan e onde ti mesmo te podes esconder para fuxir Fuxir de axendas sen horas libres, do banal balbordo que ensordece e non deixa escoitar, de pensamentos negativos... e encontrarse, encontrarse co sosego, co son da natureza, con un mesmo.

Podes seguir o camiño marcado e ir adentrándote, eu aconsello pouco a pouco, nese mesto bosque, Non te marques un tempo, nin unha ruta. Só deixate levar por onde sintas que te chaman. Leva os teus pasos polo chan estrado de landras e bugallos, sube noiros e baixa muros se é eso o que te che peta. Achégate a coñecer todas e cada unha das adegas que emerxen de entre a terra. Que o seu aspecto non te bote atrás. Para a maioría delas o tempo non pasou en van, e agora non són máis que refugallos que lonxe quedan de todo o que nelas se vivíu. 

Muros e tellados derruidos no que fora o lagar e onde as cubas de madeira gardaban o viño que con tanto esforzo e agarimo conseguían os colleiteiros, son a cruel metáfora do que ocorre no rural, aquí como en toda Galicia. 

Pero sempre queda quen tire e aposte polo raigame. Pedra, madeira e algún apaño máis actual, deixa entrever certo rexurdimento, certa ansia por recobrar, alomenos durante as fins de semana, un pouco daquel pasado que nos deixa encontrarnos con nós mesmos e ser nós mesmos. Sen máscaras.

Senta nun banco de pedra, pensa no pasado e deixate invadir por el. En cando ese monte rezumaba de vida. Dende a vendima ao trasego e as festas aorredor dunha lareira na que os contos e lendas se convertían en protagonistas e xunguían á xente acompañadas polo viño e o que caíse na grella.

Pensa en xente vestida con mandís, boinas e pantalóns de pana. Nesa fotografía en branco e negro que todos temos en mente. Na súa ledicia, aínda que cos seus problemas. Non había móbiles, nin redes sociais, nin tan sequera teléfonos, pero todos sabían uns doutros, porque se vían e falaban. E entón é cando me invade a morriña, a morriña de non escoitar, de non prestar atención, de non preguntar e querer saber máis. E voltar ao pasado é cousa imposible. 


Non miredes o reloxo, mirade o ceo e as nubes. Marcade o tempo segundo a necesidade que vos saía de dentro e non segundo as agullas.
E, se non me tomades por tola, abrazade unha árbore, sen vergoña, sen pensar, so sentindo. Non o digo eu soa. Seica hai estudos do beneficioso de facelo, de contaxiarse da enerxía da terra a través dun abrazo sempre tan necesario e cada vez máis escasos. (Beneficios e claves para abrazar unha árbore).

Alúmeame luniña




domingo, 28 de septiembre de 2014

Aluméame luniña...

Sempre me gustaron as libretas en branco, con un feixe de páxinas por encher. Con mil cousas que acoller, de historias a resumos, de contas a números, de listas a corazóns... E este blog é algo así. Un inmenso espazo valeiro á espera de acoller todo o que nel se queira deixar.

En certo modo estou a enredar... non sei con que empezar, con que dar o primeiro paso neste blog. As ideas amoreánseme na cabeza e preciso certo orde para deixalas sair. Escapadas, viaxes, pensamentos, aficións...

Aluméame luniña...