Bookmark and Share

jueves, 12 de marzo de 2015


Entre eremitas

Eremita: persona que elixe profesar unha vida solitaria e ascética, sen contacto permanente coa sociedade. E para conseguilo, que mellor que perderse nun bosque de espesa e brava vexetación, salpicado de rochas, e no que o silencio só se rompe co chíar dos páxaros? Eso debeu de ser o que pensaron os eremitas que elexiron San Pedro de Rocas como lugar de residencia.

Pero comencemos a ruta, por unha vez, como está marcado. Oficialmente, a unhos 20 quilómetros de Ourense está ubicado Esgos, pertencente á Ribeira Sacra e punto de partida. Na capitalidade do Concello, ao carón do Centro de Saúde e moi preto da Casa do Concello está o inicio do coñecido como Camiño Real de San Pedro de Rocas (PR GR4). É a segunda vez que fago este recorrido, a primeira iniciei o percorrido no mesmo Mosteiro e, aconsellóvolo. Eso si, no sentido que indican as frechiñas... eu fun ao revés (que lle imos facer...). Tanto nun lugar como no outro hai espazo para deixar o coche con tranquilidade.
Se vós decidides a dar comenzo en Esgos, aproveitade para achergavos á igrexa parroquial e ata a praza na que lle rinden tributo ao afiador, un oficio que identifica a provincia de Ourense, pero especialmente estas terras.

A ruta é circular, dunhos 9 quilómetros de lonxitude, de dificultade media e un desnivel dunhos 800 metros. O sendeiro percorre camiños con muros laterais, chan empedrado no que aínda quedan vestixios das rodeiras dos carros que os transitaban antigamente e unha mesta vexetación autóctona que ofrece moitos tramos á sombra. Toda a ruta está ben sinalada (aseguróvolo, non hai cabida para o despiste).

Ben, unha vez situados, damos comenzo á camiñata. Estábamos ao carón do centro de saúde e comenzamos a seguir os sinais. A unhos 300 metros deixamos atrás o pobo, e, tras percorrer un camiño, atópamos unha bifurcación que indica para o Mosteiro de San Pedro de Rocas ou cara Quinta do Monte. Escollemos o mosteiro e deixámonos levar.


O camiño comenza cunha subida constante por un chan empedrado que nos conduce ata o Peto de ánimas de Meiroa, unha manifestación material ao culto aos mortos, que se ubicaban frecuentemente nos cruces de camiños e se asocian á idea do purgatoria e as almas que non atopan paz.






O sendeiro continúa o seu discorrer estrado de follas aínda outonais, pero baixo un ceo azul de primavera adiantada. Non se oe máis que, de cando en cando, o chíar dun páxaro ou o roce que o vento produce nas ramas das árbores. As rochas que saen ao camiño suxiren a dureza para poder abrirse paso por este lugar que, no seu día foi un eixe estratéxico como vía de comunicación cara as terras de Aguiar e Ourense.


Tras a subida, fermosas vistas dos montes veciños convértense en protagonistas da paisaxe. E toca o descenso, unha baixada cara unha das xoias da Ribeira Sacra, o mosteiro de San Pedro de Rocas, monumento histórico artístico fundado no ano 573 e que esconde unha longa, interesante e misteriosa historia. Aínda que os verdadeiros segredos que acubilla, só as pedras o saben.


O conxunto de San Pedro de Rocas está composto polo Centro de Interpretación e a igrexa. O Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e vida monástica ten unhos 840 metros cadrados distribuidos en dúas prantas nas que Frei Bieito serve como guía a través de interesantes paneis explicativos dotados de código QR para as aplicacións móbiles.
No primeiro andar, as salas amosan como vivían os monxes reproducindo mesmamente o que sería unha habitación. Tamén fai fincapé nas paisaxes da Ribeira Sacra e a historia de San Pedro de Rocas contada a través dun completo video explicativo ao que aconsello permanecer atentos, xa que achega aspectos da historia do mosteiro dende os seus inicios, os séculos escuros, a época como colexio, o incendio que o destruiu, o seu rexurdir e a súa recuperación.

O segundo andar afonda nas tradicións artesanais, como a alfarería ou o traballo dos afiadores, e o viño da comarca, Ribeira Sacra, unha das cinco Denominacións de Orixe de viño coas que conta Galicia.

Todo o percorrido está completamente á vangarda das tecnoloxías mediante pantallas, videos, códigos QR... para facer que os visitantes poidan coñecer algo máis de San Pedro de Rocas, a comarca, lendas e tradicións dun xeito lúdico, sinxelo e interactivo.

Xa saíndo a rocha sobre a que se alza o campanario chama a atención. Maxestuosa, impasible ao paso do tempo. Rexa, forte. Pero, antes é visita obrigada a antiga igrexa. Unha igrexa resultado de múltiples superposicións e engadidos que se foron excavando ao longo da historia. A igrexa primitiva naceu a partir das covas que os eremitas retirados neste lugar foron excavando na rocha para levar a cabo a súa vida de soidade e oración.


As covas trazaron os eixos de tres capelas que se remontan ao século VI de bóveda de medio canón. Na central, de maiores dimensións, abriuse un buraco no teito para permitir que entrase unha tenue luz. Na capela da esquerda quedan os vestixios dunha pintura que representa un mapamundi mural medieval, único, ata o momento, coñecido en Europa

Na igrexa tamén poden observarse as tumbas antropomórficas. Se nos deixamos levar, escoitamos o silencio e ollamos ao noso arredor, as tumbas, a pedra... chega a sobrecoller. Só hai que deixar voar a imaxinación e retroceder séculos atrás e imaxinarse un mundo tan só de oración.

Saíndo da igrexa, é obrigado subir ao campanario que define este mosteiro. Foi no século XV cando se lle engade ao recinto de culto unha espadana con campás erixida sobre unha rocha natural de 20 metros de altura e na  que se abriu un oco para permitir o paso. As empinadas escaleiras que levan ata o campanario ofrecen como recompensa unhas magníficas vistas e un sosego do que costa sair. É un bo momento para sentar e tomalo con calma (se non hai xente e non interrumpides o momento foto que todo o mundo quere inmortalizar). Hai que descansar antes de dar comenzo á ruta. Ou xa vós esquecerades que viñemos de camiñata?


Tras a parada, o camiño segue pasando pola fonte de San Bieito, á que se lle atribúen curas miragreiras para as espullas. Dito está, cadaquén e as súas crenzas fan as cousas posibles.

E o camiño segue marcado polas rochas no chan e a subida continua. Chan estrado de follas e auga, si, auga. Polo que aconsello facer a ruta na primavera ou verán ou, alomenos, cando leve unhos días sen chover. Hai tramos nos que o camiño semella ser un auténtico regueiro e ninguén se libra de enchoupar os pés. Un factor co que Lobo está encantado, el, que por veces semella ser unha mistura de can e londra que non se resiste á auga. É verdadeiramente díficil controlalo ante a auga, da igual que sexa mar, río, embalse ou, neste caso, digamos, charquiñas...

E o camiño vai tocando o seu fin... bueno, despois dun bo treito de subida, paso por un pobo cunha fonte onde beber auga fresca, o temor ante un ataque dun bull dog francés (non preguntedes...), e a chegada de novo a Esgos.


Un fermoso paseo, con fermosas vistas que explica porque séculos atrás os eremitas primeiro, e os monxes despois, elexiron esta ubicación para a paz, o sosego e a oración. Sen dúbida, o Mosteiro é a mellor recompensa ao paseo. A vista do campanario sobre a rocha e un Centro de Interpretación que, confeso, me sorprendeu gratamente, fan deste sendeiro, unha das rutas obrigadas para os aficionados a camiñar.

Un consello. Aproveitade o silencio para escoitar as pedras... teñen moitos segredos que contar. Veredes como recargades enerxía, senón, xa me contaredes...

Aluméame luniña

Por se é de interese, o horario do Centro de Interpretación e da igrexa é: do 1/10 ao 1/04, de 10.30 a 13.45 horas e de 16.00 a 18.00 horas. En horario de verán, de 10.30 a 13.45 horas e de 16.00 a 19.45 horas. Os luns está pechado. 













jueves, 26 de febrero de 2015



Disque hai temporal...

Disque hai temporal, que o mar andará revolto e, a quen non lle seduce a idea de achegarse á costa a contemplalo? A min, dende logo que si. A ver si así polo menos a axitación do mar fai que eu atope calma. E que as fotos non vos enganen, si, había temporal. Si, había alerta. Pero é curioso como o sol case sempre acaba por saír (a pesares de que no camiño de ida me acompañou unha morraceira, como se lle di na miña terra, ou alomenos se decía na miña casa, ña choiva miúda).

O destino? O castro de Baroña, Porto do Son, A Coruña, a citania máis Atlántica que serve de fermoso mirador ao mar, un mar bravío que tamén agasalla con placenteiros baños cando o tempo o permite. Baños tanto para os que precisan de bañador para ir á praia, como os que non teñen oco para esta prenda no armario, xa que a praia de Arealonga é empregada habitualmente por nudistas.

Para chegar ao castro é necesario seguir unha senda de árbores e vexetación autóctona que por veces deixa ver o mar como se se tratase de pequenas pinceladas de azul no medio do intenso verdor dun bosque galego. E xa se comenza a avistar o castro, impasible ante un mar que ruxe ameazante como telón fondo. Unha perspectiva verdadeiramente marabillosa.

Tras percorrer un camiño pedregoso que conduce á fina area de praia salpicada de rochas pulidas e esculpidas polos golpes do mar, xa estamos ante o castro que durante os séculos I a.C a I d. C. serviu de fogar aos nosos antergos.



Para poder acceder ao castro, no itsmo estaba a primeira medida defensiva, un foso de catro metros de ancho e tres de fondo, a continuación chega unha segunda muralla formada por dous muros paralelos de pedra e area. E, a continuación un triple encintado de muros paralelos e escalonados que rematan na porta da entrada flanqueada por unha torre. Na zona sur, posiblemente debido a dificultade da orografía, o muro non é triplo, senón simple.

Tras á porta de entrada, agrupados en plataformas, pódese distinguir a existencia de dous barrios: zona sur coas primeiras construccións e os restos da torre que flanquea a porta e a zona norte, separada da anterior por unha muralla máis, á que se chega a través doutra porta con escaleiras.

Hai aproximadamente 30 estructuras arquitectónicas que se adaptan á accidentada topografía da península. Son de planta simple, de forma ovalada ou circular, sin portas nin ventás e cun banco corrido en todo o perímetro. A maioría serían vivendas, aínda que cecáis algunhas servirías como espazo para actividades artesanais. O feto de que non tivesen porta é motivo de controversia para os arqueológos, pero a teoría que máis forza ten é a de que terían as portas no teito, de eí a baixa altura das construccións. A iluminación sería a través dun oco tamén no teito que, á vez, serviría de saída para o fume do lume.

Pénsase que o poboado era case autosuficiente, aínda que non se atoparon restos que permitisen o almacenamento de auga, polo que debía ser precios ir ao exterior na súa procura.

No que atinxe aos achádegos, atopáronse importantes vestixios relacionados coa actividade pesqueira dos habitantes. Tanto é así que hai unha zona do castro denominada "concheiro" na que se atopou unha gran cantidade de conchas de moluscos e mariscos amontoados, espiñas e vertebras de peixes, así como anzois e outros útis para a práctica da pesca. Outras actividades que se cree que se levaron a cabo no castro foron a minería e a metarurxía. Incluso na zona norte hai un forno no que se traballou o bronce o outros metais.

Teño que seguir aconséllando que vos deixedes levar, que vos tomedes o voso tempo en percorrer o castro, imaxinar como sería a vida en cada unha das construccións e permitir que vos engaiolen as vistas cara o mar e o ruxir da oleaxe. Sentade nunha pedra, mirade ao mar e respirade. Bótade fóra o negativo e deixade que o mar, a pedra e o vento vos invadan. Nun día de inverno, pero solleiro e con aviso de temporal... non podía ser máis perfecto!

A todo esto... seica a península castrexa está alfombrada pola chamada herba de namorar, que segundo di a tradición ten propiedades sobrenaturais polas que as mozas eran/son capaces de volver tolos de amor con elas aos seus namorados. Será cuestión de creer ou non creer...

Por certo, non, Lobiño non veu, por esta...

Aluméame luniña












jueves, 29 de enero de 2015

Rexurdir nas ruinas...


Díxenvos que me atren poderosamente os lugares en ruinas?

Xa que estamos en Entroido e Xinzo é un dos referentes nestes festexos a nivel, pódese decir que internacional, unha boa idea e aproveitar un día que vos acheguedes ata a vila  a gozar dos festexos (si, porque alomenos unha xornada hai que ir) para visitar algún dos seus atractivos turísticos. Unha das mellores opcións é o mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras, sito nunha bucólica paisaxe que invita ao sosego.

Sobre as súas orixes hai diferentes versións. Hai quen di que a Virxe se lle apareceu a un veciño para indicarlle o lugar onde contruir un templo na honra ao Neno. Outras lendas apuntan a aparición dunha imaxe do Neno Xesús a uns cabaleiros portugueses que ergueron a capela para acollela. En calquera dos casos, o que si se sabe é que arredor de 1520 se iniciaron os traballos para levantar o mosteiro baixo as ordes de Don Alonso de Piña, prior de Xunqueira de Ambía e, tres anos máis tarde, estableceuse a comunidade de franciscanos.


Tras sucesivos avatares, en 1668 un gran incencio asolou o mosteiro cuxa reconstrucción deu comenzo un ano despois. Máis tarde, na Guerra da Independencia, as tropas napoleónicas arrasaron o lugar e asesinaron aos monxes que alí habitaban, cecáis coñecedores de que o lugar fora refuxio de bispos e sacerdotes galos durante a Revolución Francesa.

A fin do mosteiro chegou coa desamortización, que só atopou en Bon Xesús un convento en ruinas do que pouco proveito sacar dun lugar onde chegar a vivir ata  80 monxes franciscanos.
O recinto ten unhos 1.800 metros cadrados combinando elementos renacentistas con claras influencias de estilo gótico manuelino portugués. Na actualidade é a  igrexa a parte mellor conservada. Unha rexa torre adosada ao lateral esquerdo alberga o campanario. A súa fachada gótico plateresca, atribuida ao canteiro Bartolomé de Nosendo, ábrese mediante un arco conopial sobre pilastras, rodeado de arquivoltas adornadas con rosetas e follas de acanto.

No interior da igrexa, a nave está cuberta por unha bóveda de cañón, namentres que na capela maior conta cunha bóveda de crucería. No altar maior, imaxes de San Francisco de Asís e San Bernardo flanquean ao Bon Xesús. A Virxe María ocupa outro altar e, aos seus pés, xace unha cabeza votica, cando menos, peculiar.  Ao seu carón, un San Bieito negro sostén varios exvotos.

Do convento, o armonioso claustro é a parte máis destacada. De forma cuadrangular e fiel ao estilo renacentista máis puro, ten 26 arcos que se apoian en columnas rematadas en sinxelos capiteis, adornados cunha sobria decoración animal e vexetal. Luces e sombras na que a vexetación manda dotan as semiruinas de certo romanticismo que atrapa e seduce. Apetece ficar, pasear, mirar, deixar correr o reloxo... Que vos vou decir eu... os claustros seducénme especialmente. Chama a atención a escaleira milagrosamente conservada que daba acceso a primeira planta. Incluso hai restos das paredes.


Tras un detido recorrido polo claustro e as dependencias que o rodean, sen presa, un non se pode ir de Bon Xesús sen visitar os seus xardíns. Un espazo que invita a pasear, a sentar, a descubrir o seu estanque, a pila, a fonte de pedra e a fonte excavada na rocha, onde se atopa un canal subterráneo que leva a auga ata unha pequena piscina emprega para o regadío dos campos... un verdadeiro pracer para os sentidos. A principios de inverno, cando aínda as follas outonais cobren o chan os xogos de cores ocres cos raios de sol engaiolan. Xa de cara o bo tempo, é un espazo para gozar con xogos e, porque non? unha merenda campestre.
Aluméme luniña