Bookmark and Share

jueves, 26 de febrero de 2015



Disque hai temporal...

Disque hai temporal, que o mar andará revolto e, a quen non lle seduce a idea de achegarse á costa a contemplalo? A min, dende logo que si. A ver si así polo menos a axitación do mar fai que eu atope calma. E que as fotos non vos enganen, si, había temporal. Si, había alerta. Pero é curioso como o sol case sempre acaba por saír (a pesares de que no camiño de ida me acompañou unha morraceira, como se lle di na miña terra, ou alomenos se decía na miña casa, ña choiva miúda).

O destino? O castro de Baroña, Porto do Son, A Coruña, a citania máis Atlántica que serve de fermoso mirador ao mar, un mar bravío que tamén agasalla con placenteiros baños cando o tempo o permite. Baños tanto para os que precisan de bañador para ir á praia, como os que non teñen oco para esta prenda no armario, xa que a praia de Arealonga é empregada habitualmente por nudistas.

Para chegar ao castro é necesario seguir unha senda de árbores e vexetación autóctona que por veces deixa ver o mar como se se tratase de pequenas pinceladas de azul no medio do intenso verdor dun bosque galego. E xa se comenza a avistar o castro, impasible ante un mar que ruxe ameazante como telón fondo. Unha perspectiva verdadeiramente marabillosa.

Tras percorrer un camiño pedregoso que conduce á fina area de praia salpicada de rochas pulidas e esculpidas polos golpes do mar, xa estamos ante o castro que durante os séculos I a.C a I d. C. serviu de fogar aos nosos antergos.



Para poder acceder ao castro, no itsmo estaba a primeira medida defensiva, un foso de catro metros de ancho e tres de fondo, a continuación chega unha segunda muralla formada por dous muros paralelos de pedra e area. E, a continuación un triple encintado de muros paralelos e escalonados que rematan na porta da entrada flanqueada por unha torre. Na zona sur, posiblemente debido a dificultade da orografía, o muro non é triplo, senón simple.

Tras á porta de entrada, agrupados en plataformas, pódese distinguir a existencia de dous barrios: zona sur coas primeiras construccións e os restos da torre que flanquea a porta e a zona norte, separada da anterior por unha muralla máis, á que se chega a través doutra porta con escaleiras.

Hai aproximadamente 30 estructuras arquitectónicas que se adaptan á accidentada topografía da península. Son de planta simple, de forma ovalada ou circular, sin portas nin ventás e cun banco corrido en todo o perímetro. A maioría serían vivendas, aínda que cecáis algunhas servirías como espazo para actividades artesanais. O feto de que non tivesen porta é motivo de controversia para os arqueológos, pero a teoría que máis forza ten é a de que terían as portas no teito, de eí a baixa altura das construccións. A iluminación sería a través dun oco tamén no teito que, á vez, serviría de saída para o fume do lume.

Pénsase que o poboado era case autosuficiente, aínda que non se atoparon restos que permitisen o almacenamento de auga, polo que debía ser precios ir ao exterior na súa procura.

No que atinxe aos achádegos, atopáronse importantes vestixios relacionados coa actividade pesqueira dos habitantes. Tanto é así que hai unha zona do castro denominada "concheiro" na que se atopou unha gran cantidade de conchas de moluscos e mariscos amontoados, espiñas e vertebras de peixes, así como anzois e outros útis para a práctica da pesca. Outras actividades que se cree que se levaron a cabo no castro foron a minería e a metarurxía. Incluso na zona norte hai un forno no que se traballou o bronce o outros metais.

Teño que seguir aconséllando que vos deixedes levar, que vos tomedes o voso tempo en percorrer o castro, imaxinar como sería a vida en cada unha das construccións e permitir que vos engaiolen as vistas cara o mar e o ruxir da oleaxe. Sentade nunha pedra, mirade ao mar e respirade. Bótade fóra o negativo e deixade que o mar, a pedra e o vento vos invadan. Nun día de inverno, pero solleiro e con aviso de temporal... non podía ser máis perfecto!

A todo esto... seica a península castrexa está alfombrada pola chamada herba de namorar, que segundo di a tradición ten propiedades sobrenaturais polas que as mozas eran/son capaces de volver tolos de amor con elas aos seus namorados. Será cuestión de creer ou non creer...

Por certo, non, Lobiño non veu, por esta...

Aluméame luniña