Bookmark and Share

jueves, 12 de marzo de 2015


Entre eremitas

Eremita: persona que elixe profesar unha vida solitaria e ascética, sen contacto permanente coa sociedade. E para conseguilo, que mellor que perderse nun bosque de espesa e brava vexetación, salpicado de rochas, e no que o silencio só se rompe co chíar dos páxaros? Eso debeu de ser o que pensaron os eremitas que elexiron San Pedro de Rocas como lugar de residencia.

Pero comencemos a ruta, por unha vez, como está marcado. Oficialmente, a unhos 20 quilómetros de Ourense está ubicado Esgos, pertencente á Ribeira Sacra e punto de partida. Na capitalidade do Concello, ao carón do Centro de Saúde e moi preto da Casa do Concello está o inicio do coñecido como Camiño Real de San Pedro de Rocas (PR GR4). É a segunda vez que fago este recorrido, a primeira iniciei o percorrido no mesmo Mosteiro e, aconsellóvolo. Eso si, no sentido que indican as frechiñas... eu fun ao revés (que lle imos facer...). Tanto nun lugar como no outro hai espazo para deixar o coche con tranquilidade.
Se vós decidides a dar comenzo en Esgos, aproveitade para achergavos á igrexa parroquial e ata a praza na que lle rinden tributo ao afiador, un oficio que identifica a provincia de Ourense, pero especialmente estas terras.

A ruta é circular, dunhos 9 quilómetros de lonxitude, de dificultade media e un desnivel dunhos 800 metros. O sendeiro percorre camiños con muros laterais, chan empedrado no que aínda quedan vestixios das rodeiras dos carros que os transitaban antigamente e unha mesta vexetación autóctona que ofrece moitos tramos á sombra. Toda a ruta está ben sinalada (aseguróvolo, non hai cabida para o despiste).

Ben, unha vez situados, damos comenzo á camiñata. Estábamos ao carón do centro de saúde e comenzamos a seguir os sinais. A unhos 300 metros deixamos atrás o pobo, e, tras percorrer un camiño, atópamos unha bifurcación que indica para o Mosteiro de San Pedro de Rocas ou cara Quinta do Monte. Escollemos o mosteiro e deixámonos levar.


O camiño comenza cunha subida constante por un chan empedrado que nos conduce ata o Peto de ánimas de Meiroa, unha manifestación material ao culto aos mortos, que se ubicaban frecuentemente nos cruces de camiños e se asocian á idea do purgatoria e as almas que non atopan paz.






O sendeiro continúa o seu discorrer estrado de follas aínda outonais, pero baixo un ceo azul de primavera adiantada. Non se oe máis que, de cando en cando, o chíar dun páxaro ou o roce que o vento produce nas ramas das árbores. As rochas que saen ao camiño suxiren a dureza para poder abrirse paso por este lugar que, no seu día foi un eixe estratéxico como vía de comunicación cara as terras de Aguiar e Ourense.


Tras a subida, fermosas vistas dos montes veciños convértense en protagonistas da paisaxe. E toca o descenso, unha baixada cara unha das xoias da Ribeira Sacra, o mosteiro de San Pedro de Rocas, monumento histórico artístico fundado no ano 573 e que esconde unha longa, interesante e misteriosa historia. Aínda que os verdadeiros segredos que acubilla, só as pedras o saben.


O conxunto de San Pedro de Rocas está composto polo Centro de Interpretación e a igrexa. O Centro de Interpretación da Ribeira Sacra e vida monástica ten unhos 840 metros cadrados distribuidos en dúas prantas nas que Frei Bieito serve como guía a través de interesantes paneis explicativos dotados de código QR para as aplicacións móbiles.
No primeiro andar, as salas amosan como vivían os monxes reproducindo mesmamente o que sería unha habitación. Tamén fai fincapé nas paisaxes da Ribeira Sacra e a historia de San Pedro de Rocas contada a través dun completo video explicativo ao que aconsello permanecer atentos, xa que achega aspectos da historia do mosteiro dende os seus inicios, os séculos escuros, a época como colexio, o incendio que o destruiu, o seu rexurdir e a súa recuperación.

O segundo andar afonda nas tradicións artesanais, como a alfarería ou o traballo dos afiadores, e o viño da comarca, Ribeira Sacra, unha das cinco Denominacións de Orixe de viño coas que conta Galicia.

Todo o percorrido está completamente á vangarda das tecnoloxías mediante pantallas, videos, códigos QR... para facer que os visitantes poidan coñecer algo máis de San Pedro de Rocas, a comarca, lendas e tradicións dun xeito lúdico, sinxelo e interactivo.

Xa saíndo a rocha sobre a que se alza o campanario chama a atención. Maxestuosa, impasible ao paso do tempo. Rexa, forte. Pero, antes é visita obrigada a antiga igrexa. Unha igrexa resultado de múltiples superposicións e engadidos que se foron excavando ao longo da historia. A igrexa primitiva naceu a partir das covas que os eremitas retirados neste lugar foron excavando na rocha para levar a cabo a súa vida de soidade e oración.


As covas trazaron os eixos de tres capelas que se remontan ao século VI de bóveda de medio canón. Na central, de maiores dimensións, abriuse un buraco no teito para permitir que entrase unha tenue luz. Na capela da esquerda quedan os vestixios dunha pintura que representa un mapamundi mural medieval, único, ata o momento, coñecido en Europa

Na igrexa tamén poden observarse as tumbas antropomórficas. Se nos deixamos levar, escoitamos o silencio e ollamos ao noso arredor, as tumbas, a pedra... chega a sobrecoller. Só hai que deixar voar a imaxinación e retroceder séculos atrás e imaxinarse un mundo tan só de oración.

Saíndo da igrexa, é obrigado subir ao campanario que define este mosteiro. Foi no século XV cando se lle engade ao recinto de culto unha espadana con campás erixida sobre unha rocha natural de 20 metros de altura e na  que se abriu un oco para permitir o paso. As empinadas escaleiras que levan ata o campanario ofrecen como recompensa unhas magníficas vistas e un sosego do que costa sair. É un bo momento para sentar e tomalo con calma (se non hai xente e non interrumpides o momento foto que todo o mundo quere inmortalizar). Hai que descansar antes de dar comenzo á ruta. Ou xa vós esquecerades que viñemos de camiñata?


Tras a parada, o camiño segue pasando pola fonte de San Bieito, á que se lle atribúen curas miragreiras para as espullas. Dito está, cadaquén e as súas crenzas fan as cousas posibles.

E o camiño segue marcado polas rochas no chan e a subida continua. Chan estrado de follas e auga, si, auga. Polo que aconsello facer a ruta na primavera ou verán ou, alomenos, cando leve unhos días sen chover. Hai tramos nos que o camiño semella ser un auténtico regueiro e ninguén se libra de enchoupar os pés. Un factor co que Lobo está encantado, el, que por veces semella ser unha mistura de can e londra que non se resiste á auga. É verdadeiramente díficil controlalo ante a auga, da igual que sexa mar, río, embalse ou, neste caso, digamos, charquiñas...

E o camiño vai tocando o seu fin... bueno, despois dun bo treito de subida, paso por un pobo cunha fonte onde beber auga fresca, o temor ante un ataque dun bull dog francés (non preguntedes...), e a chegada de novo a Esgos.


Un fermoso paseo, con fermosas vistas que explica porque séculos atrás os eremitas primeiro, e os monxes despois, elexiron esta ubicación para a paz, o sosego e a oración. Sen dúbida, o Mosteiro é a mellor recompensa ao paseo. A vista do campanario sobre a rocha e un Centro de Interpretación que, confeso, me sorprendeu gratamente, fan deste sendeiro, unha das rutas obrigadas para os aficionados a camiñar.

Un consello. Aproveitade o silencio para escoitar as pedras... teñen moitos segredos que contar. Veredes como recargades enerxía, senón, xa me contaredes...

Aluméame luniña

Por se é de interese, o horario do Centro de Interpretación e da igrexa é: do 1/10 ao 1/04, de 10.30 a 13.45 horas e de 16.00 a 18.00 horas. En horario de verán, de 10.30 a 13.45 horas e de 16.00 a 19.45 horas. Os luns está pechado.