Bookmark and Share

viernes, 2 de diciembre de 2016



Toca cruzar a raia…

Outro país, outro idioma e, nos seus tempos outra moeda, pero sen apenas unha fronteira que diferencia unha lugar de outro. Eso é o que ocorre na maior parte das localidades da raia galega e portuguesa e Pitoes das Junias é un deses casos. Ubicada no Gerés de Portugal, en Montealegre, é unha pequena aldea con todo o engado deses pobos perdidos e case abandonados, un engado que se transforma en fonda tristura se pensamos que camiñan case seguro cara a súa desaparición se non se pon remedio.


Pitoes das Junias, a 1.100 metros de altitude, está sito a 1´30 minutos de Ourense (ou eso din as guías… e non vou entrar en detalles…). Para chegar ata alí, unha opción é ir ata a capitalidade de Muíños, Mugueimes, e, dende o centro da localidade, coller a carretera que leva a Porqueirós e Queiroás. Unha vez en Queiroás hai dúas opcións, seguir a carretera ou tomar unha pista (tal e como o indican os veciños, que son os que máis saben, pero tamén hai un cartaz que así o indica). E, case sen darnos conta cruzamos a raia e chegamos a esta localidade de montaña.

Unha vez alí, o primeiro, deixar o coche. Veredes que todas as rúas prohíben o paso “excepto a moradores”. Caso omiso. Ou eso é o que din os veciños cando pregunto… se ve que alí as leis de circulación van a outro ritmo. E non temades, colledes polas angostas rúas! Hai tamén zonas habilitadas para o aparcamento e lugares onde se pode deixar o coche sen problema.

No que atinxe ao roteiro, ten unha distancia de 5,4 Qm., circular e de dificultade media. A cascada e o mosteiro de Santa María son os puntos de visita obrigada.


Unha das opción de comenzo do roteiro é dende o centro do pobo. Está sinalizada unha  “cascata” e se seguides o camiño empedrado non hai pérdida a falta de indicacións. Chégase a ela tras desviarse, segundo as indicacións,  unhos 550 metros do camiño empedradoe tras descender arredor de 220 escalóns de madeira (que haberá que subir…), dase a un mirador dende onde se pode ver a cascada. Ten unos 30 metros de altura cuxas augas proceden do regato de Pitoes, e que rematan ao pé dun carballo (onde segundo as lendas habita un trasno). Hai posibilidade de chegar ata o lado do río, pero o camiño, nesta ocasión estaba realmente imposible (nin Lobo insistiu moito). Ademais na miña cabeciña soaba certa  voceciña (ela sabe quen é) decindome… “ti vai caer, parte unha perna e a ver como te atopamos, que o can non sabe facer chamadas” (e, chámadelle intuición, desta fixen caso a esa voceciña).

O mirador é unha boa parada para  coller folgos mentres se observa a caída da cascada antes de iniciar o ascenso. Recordovos, unos 220 escalóns… que se levan ben, e senón, sempre se pode parar, sentar e ollar ao  arredor, as vistas das montañas do Parque Natural están omnipresentes e ofrecen unha fermosa panorámica. 

Novamente no camiño empedrado, toca seguir ruta ata o Mosteiro de Santa María, tamén perfectamente indicado. Creo que xa vos falei da miña atracción polos lugares en ruinas. Esa poderosa atracción que exercen sobre min e que fan que me deixe levar e perder entre elas, buscando recuchos, pechando os ollos e imaxinando o pasado entre os seus muros. A vida que alí se desenrolou e os segredos que acubillan as pedras e que se prestas atención, o mesmo descobres algún.


Do mosteiro cisterciense de Pitoes das Junias dise, como en tantas outras ocasións, que ten a súa orixe nun día en que uns nobres que estaban de caza se lles apareceu a Virxe baixo un carballo tras tentar descubrir que era o que lles chamaba a atención aos seus cans. Por este motivo prometeron erguer alí o mosteiro. A historia menos romántica, fala dos ermitaños (dise que 13) que buscaban nesta paraxe alonxada paz e tranquilidade para levar a cabo labores de pastoreo e oración con total humildade. A súa construcción deu comenzo antes da fundación de Portugal, aínda que o que queda del é do século XVII. Acadou certo esplendor e inicialmente dependeu do Mosteiro de Oseira. A súa ruina vén da decadencia dos mosteiros do século XVIII e dun incendio que o acabou por destruir.

Tan só algúns arcos, paredes e restos son testemuñas do que nos seus tempos foi. Merece a pena deixarse levar e tomar o seu tempo en descubrir as diferentes dependencias. É un mosteiro pequeno, recoleto que as súas historias había de ter. A igrexa si foi restaurada e se conserva en bo estado.
Se cruzades unha pequena ponte pegada ao mosteiro, pódese ver un antigo muíño ao carón do río. Nun día de sofocante calor, ver esas augas cristalinas, a envexa de Lobo bañándose… tentador, moi tentador… e non hai nada que preste máis que un pequeno baño en soidade roeada de cabaliños de demo de intensa cor azul (facía tempo que non vía tantos!)


Tras esta paréntese, toca seguir camiño de ascensión que leva de novo ata Pitoes.
No Eco Museo do Barroso pódese descubrir algo máis do trascurrir da vida en Pitoes das Junias, do seu mosteiro, a vida das mulleres… fermosas fotografías que nos trasladan a outro xeito de vida moito máis duro (como para queixarnos…). Ollo aos horarios… que estamos en Portugal.
Chama atención a intensa vida agrícola que alí se ve, dende o momento que se chega. Maiores e mozos (impensable case onda nós, aínda que non fai moito era o habitual) se adican aos traballos de campo como fai moito que non vía. E eso no fondo é unha riqueza. Unha riqueza de ver aos fillos cos seus país indo xuntos cara as leiras, botándolle unha man e, sobre todo, facendo compaña, unha compaña única e que o paso dos anos non permitirá repetir. Unha ledicia  que alí aínda se conserve ese pouso lonxe desta sociedade que impón cousas innecesarias como se fosen obrigatorias. 
Merece a pena dar un paseo por Pitoes das Junias e descubrir o encanto de pequenos recunchos nos que moitas das casas parecen deshabitas, outras a medio caer e tamén certa iniciativa por recuperalas orientadas ao turismo. Queda un longo camiño para devolverlle todo o esplendor que merece, pero, paseniño e con coidado, o resultado pode ser espectacular.


É o máis importante, o que da riqueza a calquera espacio, é a súa xente. Vale a pena parar e escoitar aos veciños. Escoitar a unha parella de avanzada idade, sentada á porta da súa casa coa que non puiden máis que  ficar “un bocadinho”. Dous “velliños” cheos de “saudade”, de caras curtidas polo sol e os duros invernos nos que apenas poden saír da casa; sen familia, sen máis compaña que un ao outro. Ela mírame a través dos seus lentes escuros; él cunhos ollos profundos e azuis que, sen dúbida a conquistaron moitas mozas anos atrás. Confesan gostar do verán, das visitas e de poder pasar un chisco das súas vidas a falar cos visitantes que os poñan ao día do que ocorre fóra do seu pobo “o máis bonito dos derredores”.


Hai casas de Turismo Rural, por se queredes facer noite, así como restaurantes nos que degustar a boa gastronomía da zona.

Se non queredes andar… o camiño pode levarvos ata case o mesmo pé da cascada e do mosteiro comodamente en coche.

Regresemos, voltemos, espertemos…


Aluméame luniña…







domingo, 27 de marzo de 2016

Desexando voar...

E fai xusto un ano, un ano dende que deixei abandonado este espazo que contaba con que fose a miña vía de escape, o meu aire fresco ao teclear repetitivo de letras que forman palabras, frases, liñas, columnas... Non por falla de interese, que me interesa máis que nunca, pero as veces, diminutos trasgos se meten na túa vida roubando, case sen darte conta, as ilusións de ir máis alá, de voar, da liberdade... e non, antes de que haxa malinterpretacións, non me refiro a ninguén físico. É algo que vai máis alá. 

E non, non o vou permitir. Vou seguir levantándome cada mañá co mellor dos sorrisos, Vou saír a rúa pensando en positivo. Vou ser auga en cada momento... por min. Vou buscar a felicidade en cada detalle. Vou interpretar cada situación como: "se algo pasa, é por algo". E prometo, desta si, deixarme levar máis. Facer o que me peta porque nese momento me fai feliz, sen pensar máis alá. Vou bailar máis, rir máis, leer máis, escribir máis... só polo pracer de facelo. Desfrutar da vida a pequenos grolos para saborear o mellor dela. Momentos malos sobran e veñen por si sós. Hai que aproveitar as ocasións felices que a vida che agasalla, que igual non son tantos, nin a vida é tan longa.

Vaites! Que me disperso... seguindo co tema do blogue, non pensedes que estiven quieta, teño unha manchea de fotos, agora toca porlle texto (un día destes). Tamén teño en mente moitos recunchos que coñecer, descubrir e redescubrir... só falla unha cousa: o tempo. Como para que enriba nos rouben unha hora!

E con este monólogo... deixome levar e que a lúa me alumee!