Bookmark and Share

jueves, 2 de febrero de 2017


"E ti, segues a contar periódicos?"

Teño na mente unha frase: "E ti, segues a contar periódicos?". Esa era a pregunta coa que moitas veces me recibías e que nunca faltaba nas miñas visitas, non tan frecuentes como, vida tola esta, me gustaría que foran. Botareina en falta porque, quen me vai a preguntar agora cousa tal?
Eras un home rexo, forte, de profundos ollos castaños que buscaban os meus para realmente descubrir se estaba ben baixo o meu sorriso.

Xa non eras un rapaz, pero ese non é consolo. Cada ano pasado estaba marcado nas enrrugas da cara. Anos dunha vida dura de traballo para sacar adiante a sete fillos, sete fillos que sairon adiante e que  a día de hoxe tamén son pais e incluso avós.

Veñenme á mente imaxes, imaxes soltas do alto e do serio que aparentabas, pero eran só iso, apariencias. De seguido o teu rostro mudaba e ofrecía un sorriso que, acompañado dunha doce mirada, facía ver o grande home, boa persona e o querido que eras. Tamén lembro o revolucionario que sempre fuches. Sempre en pé de guerra, protestando polas inxustizas e as cousas que non ían "polo rego". E é que eras un rebelde, ata o último dos teus días. Fervíache o sangue con certos temas e eso non cambiou, aínda que os tempos si o fixeran.

Botareite de menos, aínda que non nos viramos tan a miúdo, sabía que estabas eí e un oquiño do meu pensamento estaba contigo.

Dende onde estés sei que estarás ben e eso dame paz. Saúda aos meus, de certo te han de recibir xunto con moitas outras persoas que formaron parte do noso clan e que xa non están.

Por ti, contarei xornais. Vémonos.

Aluméame luniña