Bookmark and Share

jueves, 29 de junio de 2017

A raíña dun dos Sete Reinos

A raíña dun dos Sete Reinos...

Con tan só dar os primeiros pasos, o engado da vila de Mondoñedo se fai sentir en cada rúa, en cada porta, en cada soportal. Lonxe queda cando a vila foi unha das sete capitais do Reino de Galicia, pero fican as mudas testemuñas patrimoniais que fan que nós, con ollos de visitantes, nos traslademos a outras épocas de esplendor que forxaron e deron forma á vila.
Catalogada como Conxunto Histórico Artístico, Mondoñedo tamén é berce de relevantes persoeiros. Comenzando polos escritores Álvaro Cunqueiro, Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Fray Antonio de Guevara e os músicos Pacheco e Pascual Veiga (autor de La Alborada e da música do Himno Galego).

Un paseo polo seu Casco Antiguo necesita o seu tempo para pararse a ollar cada recucho, cada porta con curiosos chamadores, erguer a vista ás fachadas e descubrir curiosas ventas e fermosos escudos que nos remiten ao seu pasado máis nobre.
A Catedral Basílica da Asunción, emerxe do corazón da vila, baixo a atenta ollada dun Álvaro Cunqueiro que, impasible, no perde detalle de toda a vida que ruxe ao seu arredor, especialmente nos días de mercado ondo o ir e vir dos feirantes rachan o silencio e o transcorrer habitual dos veciños. Ao seu lado, o Pazo Episcopal, cun impresionante escudo do Bispo Riomoi e Quiroga.

Cun paseo polos seus soportáis, chégase á Fonte Vella, curiosa fonte sita frente a casa natal de Álvaro Cunqueiro. Parece inevitable achegarse, e petar, tocar esa porta na que naceu un dos grandes autores galegos. E nesas estaba cando un veciño, de certa idade, se achegou, curioso, con ganas de falar (“non se me vai o tempo”) para contarme que él coñecera a Cunqueiro, que lembra ter estado con el na praza e que “sabía doutras cousas, desas que non se contan, pero que aquí se saben”. E eí o deixou, poñendo certa intriga ao tema…
A “Venecia Mindonense” foi o nome que Álvaro Cunqueiro lle deu ao Barrio dos Muíños. Unha curiosa zona chea de canles de auga que se abren paso dende o río Valiñadares e que abastecían aos muíños que antiguamente surtían a un bo número de artesáns oleiros, forxadores, muiñeiros… Hoxe en día pouco queda deles, pero si todas as intencións de recuperar ese pasado artesán a través dalgúns obradoiros.

No entorno do barrio, a histórica Ponte do Pasatempo, na que Isabel de Castro, que viña cun indulto para o seu esposo, o Mariscal Pardo de Cela, foi “entretida” (de eí o nome da ponte) mentres o seu home era executado.
O Real Seminario Conciliar de Santa Catalina, o convento da Concepción, a igrexa de Santiago e a Alameda dos Remedios, enmarcada polo Santuario na honra da santa e o antigo Hospital de San Paulo, cun impoñente escudo do Bispo Sarmiento, promotor destas obras, son outros dous puntos de visita obrigada nun percorrido pola vila. Tamén é aconsellable visitar o Centro de Interpretación do Camiño Norte de Santiago ubicado nun impoñente edificio.
Dende o meu punto de vista, (de feito ningunha visita a unha vila), a visita a Mondoñedo non estaría completa se non se visita o seu cementerio. Destino final de repouso de veciños da vila, é un gran tesouro por onde pasear e ollar curiosas lápidas, sentimentais inscripcións para o recordo dos que xa non están, e tamén o lugar onde Cunqueiro descansa eternamente baixo unha lápida que reza “eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

Dous detalles: para os máis doceiros, O Rei das Tartas, creador da famosa Torta de Mondoñedo, creador dunha sobremesa con améndoa e cabelo de anxo como principais ingredientes e que ten degustado e alabado célebres persoeiros.

O segundo, a Cova do Rei Cintolo, un complexo entramado de galerías de máis de 6.000 metros nos que as estalactitas, estalagmitas, coladas, columnas, nos transportan a outro mundo.
Aluméame luniña