Tal día coma hoxe, fai dous anos, Lobo e máis eu puñamos
mochila ás costas e emprendíamos ruta. Unha ruta que, como unha constante na
miña vida, poucas persoas sabían que ía facer e foi no último momento cando o
fixen “público”, e a non demasiada xente. Por eso de non preocupar nin que
ninguén tentase (dende o cariño) quitarme a idea.
Tal día coma hoxe comezábamos o Camiño. O noso Camiño.
Mochila e alforxas preparadas para facer fronte a cinco (si, no noso caso cinco*)
etapas que sabía onde acabarían pero non como. Do que si estaba segura é de que
non tiña presa por percorrelo. O motivo? Non hai un só: relixioso, atoparme,
pensar, camiñar, buscar unha conexión, satisfación persoal…
Tiven tempo para falar conmigo mesma, para ordear a miña
cabeza… aínda que de pouco me servíu, porque logo é a vida a que marca o Camiño
como ela quera. Se me paro a pensar, son moitas as imaxes que me veñen, as
sensacións indescriptibles, ese desexo de que non acabase e a tristura ao
pensar que chegaba ao seu final, querendo alongalo camiñando máis paseniñamente.
Quédome con unha que resume todo.
A chegada ao Obradoiro, o momento en que lle
dixen ao ouvido a Lobo: “chegamos Lobo, chegamos”, e el, como se me entendese (pensó
que ata sorriu), comezou a darme lambetazos na cara para secar as miñas bágoas.
Bágoas de emoción ou de final de algo que supuxo un pequeño gran reto persoal.
E como os que alí xa estaban, tras o seu Camiño, se achegaban para dar a
noraboa.
Mágoa que se nos esté complicando o de repetir experiencia…
pero haberá tempo, de seguro.
Bo Camiño!
Aluméame luniña
*O tema albergues e animais está moi pouco preparado. Algúns deles non admiten animais e, hoxe en día, penso que é un grande erro. Cada vez hai máis xente que fai o Camiño cos seus compañeiros e sería boa idea que se aceptasen. Penso que ningún de nós pide “durmir con eles”, pero si un espazo onde eles poidan facer noite ou, polo menos, que os acepten.




