Bookmark and Share
Mostrando entradas con la etiqueta sande. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta sande. Mostrar todas las entradas

miércoles, 15 de noviembre de 2017

Castelo de Sande


Aguanta. Non te derrubes. Aguanta un pouco máis. Se non te viñeches abaixo en todos estes anos, non o fagas agora. Aguanta ata que aos que lle compete (todos) se poñan de acordo e che den o valor que ti mereces.
Se che serve de consolo, na miña mente e no meu corazón (e dou fé que no de moita máis xente) non vas esmorecer. Formas parte do "skyline" do lugar que me viu nacer e medrar. Es o* protagonista dunha chea de excursións e agochas un feixe de segredos de todo tipo e lendas. 
Lembro como eras o destino de moitas tardes de verán. Ata os teus pés íamos, de paseo ou en bici e, dende  alí, dábamos comezo ao non pouco arriscado e complicado ascenso en tramos, gabeando polas pedras, polo "mellor" camiño ata chegar a túa raíz. 
Unha vez alí arriba, sentíndonos felices de acadar a cumbre, desfrutábamos das vistas coa que a túa posición elevada nos agasallaba (e agasalla) e repoñíamos forzas en improvisadas merendas (cada un de nós, con 100 pesetas... menudo banquete facíamos!). Mirábamos, cheos de curiosidade, as marcas das pedras que che dan forma e esa ventá... que agocharías dentro? que contarías se as pedras falasen? que teñen de certo as lendas que nos contaban sobre ti? onde están a trabe de ouro? e a de ferro? e os teus túneles que comunicaban con outros lugares? Canto misterio envolves... e ese é un valor incalculable.
A miña xeración non foi a primeira en subir, en peregrinar ata a túa aba, sorteando pedras, pero cecáis sexa das penúltimas. Dichoso despoboamento! Non fai falla máis que mirar a un lado e ao outro e contar casas valeiras. Moitos dos que tiñan mil cousas que contar sobre ti xa non están, e a maioría dos que están xa non contan con folgos suficientes para gabear para verte de preto. Xente nova, pouca, moi pouca.
Pero ti segues aí, rexa e forte, medio cuberta por enredadeiras que, cecáis, conforman un natural corsé que non deixa que te veñas abaixo. Aí estás, observando o trascorrer do día a día dos que fican no pobo
e recibindo aos que imos de cando en cando, como un faro que alumea o raigame que nunca se debe perder de vista. Por eso, ao chegar, ao cruzar o cartaz que anuncia "Sande", a primeira ollada é a dereita, ao alto, e comprobar que segues aí, impasible ante o paso do tempo. 
Noites de treboada e lóstregos, tremores de terra, naturais e "non tan naturais", noites de lúa chea, aquelarres e meigas non puideron contigo. Por eso e por moito máis, aguanta. Non te derrubes. 


"Castelo de Sande
pernas de avión
cantas terras vexo
todas miñas son"

Aluméame luniña

* Para nós non é Torre, é Castelo