Bookmark and Share
Mostrando entradas con la etiqueta castro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta castro. Mostrar todas las entradas

viernes, 20 de enero de 2017


Entón, emerxeu... (emerxerei)

“Nos dezaseis anos que levo vivindo aquí, nunca tal vin”, sentencia, poñamos, José, un adegueiro da zona, namentres se prepara para baixar, todo o áxil que a súa idade lle permite, os bancais nos que se nacen as cepas dos seus viñedos e seguir coa metódica tarefa da poda. Confesa que nunca foi ata o Castro Candaz, que quere ir, en parte para cumprirlle o desexo a súa muller, “pero penso que non está alá tan ben como para chegar sen cansar”, e tamén en parte porque non deixa de velo na televisión, e “telo tan pretiño e non ir…”


Conta que na fin de semana “riadas de xente, miles de persoas” se achegaron para ver e subir ata o lugar, “cousas da modernidade e os medios de comunicación, antes tamén tiña baixado o nivel do encoro e nunca pasou tal”. Medio en broma lle digo “se a metade parase a axudar á poda”. E el ri. “Canta razón tes rapaciña, pero esto acabase”.



E se alguén me pode aconsellar como chegar ata o Castro Candaz, ese é el. Así que seguindo as súas indicacións (moi boas, porque cando comenzou a chegar xente que viñeran por outro lado, sen pararse ao pracer que supón unha conversa e escoitar a alguén do lugar que sempre está cargado de sabiduría, parecía que non escolleran o camiño axeitado) cheguei nun fermoso paseiño ao lugar sinalado do que tantas imaxes me tiñan chegado nos últimos días.


Nese paseiño vale a pena deterse a ollar a confluencia dos ríos, a calma do encoro a baixo nivel, os restos de adegas que quedaron asulagadas e os bancais perfectamente conservados que agora son mudas testemuñas doutros tempos cheos de vida e dos que, aínda xorde algunha cepa que parece allea as enchentes e decrecentes das augas. Ver, e tamén pechar os ollos e deixarse levar ata eses tempos, imaxinar como serían as idas e vidas dos adegueiros, o seu traballo ata obter o valioso néctar que xa os romanos souberon apreciar e que hoxe dan nome á Denominación de Orixe Ribeira Sacra que comparten as provincias de Ourense e Lugo.

Castro Candaz son os restos dun poboado castrexo sobre o que se ergueu unha fortificación nun promontorio con tan só un acceso, polo poñente e con tres chairas como defensa natural. Esta ubicación convertíano en prácticamente inexpugnable para os que osaban un asalto, tanto, que (segundo conta o Formoso Lamas) durante a segunda vaga de asaltos das tropas normandas, unha vez arrasados os arredores, os nobres refuxiaronse en Castro Candaz, propiedade dos irmáns Eriz: Olmundo e Egica , que lograron resistir unha primeira invasión gracias a axuda do exército do rei asturiano Ramiro, pero, nun segundo asalto resultaron vencidos. Con todo, a historia converteu este espazo nun dos símbolos da resitencia galega fronte aos viquingos.
A fortaleza foi destruida en grande medida durante a Revolta dos Irmandiños.

Para chegar ao gran patio central é necesario pasar unha rampa que da acceso ao antigo Castelo, cunha plataforma circular na cima, e rodeado de murallas circulares concéntricas, unha delas cunha altura de preto de 2,10 metros de alto. Muros, murallas e estancias están erguidos con xistos, aínda que tamén se atopan restos de granito. A comezos de século conservábanse dúas paredes do antigo castelo, as cales formando un ángulo recto posuían un ancho de 1,88 metros e un longo de 5 metros.

Candaz tampouco está lonxe das lendas. Din que no seu interior agocha fabulosos tesouros, feito incentivado pola existencia de dúas entradas subterráneas no castro que na actualidade se atopan asolagadas polas augas dos ríos Miño e Chorente. Será cuestión de buscar...

Por se queredes ir, Castro Candaz está na parroquia de Santa Eulalia de Pedrafita, Chantada. Dende Ourense, a pouco máis de unha hora, ao deixar atrás a vila de Chantada, coller o desvio a dereita a Paracostoia e atoparedes indicacións, máis ou menos “enxebres”.


Despois dun paseo polas ruinas, ollando e desfrutando dun momento que poida que tarde en repetirse, tocando esas pedras que non tardarán en volver a ocultarse baixo as augar, é hora de regresar. Á volta, ao fondo dos bancais, na adega, José e a súa muller están de descanso. É hora de xantar antes de voltar ás tarefas da poda que nin o descenso das augas nin os milleiros de visitantes poden interromper. A natureza segue o seu curso e é tempo de podar.

A todo esto, sobra decir que o que máis desfrutou foi Lobo. Sobe, baixa, nada, salta, explora, cheira… un fervello, vamos, o Lobiño de sempre…

Aluméame luniña






martes, 27 de enero de 2015

Veste de paseo?

Día espléndido de inverno, que mellor que aproveitalo polos que non serán tan bos e facer unha rutiña? Así que cámara, botas de treking, Lobo e tira millas… bueno, é un decir, porque moi lonxe non fun… Decanteime pola Ruta da Fervenza de Augacaída, no Concello de Pantón, concretamente na parroquia de Marce (Lugo). Chegar non é complicado, digovolo eu (e xa é decir, a que se perde onde menos un se espera…)

Dende Ourense hai que seguir a carretera que enlaza a cidade con Monforte, e, antes de chegar a vila de Lemos, tomar un desvío cara Guítara. Axiña veredes un cartaz indicando a fervenza. Débedes seguir a carretera, moitas veces tinguida de verde polo musgo que parecen indicar que pouco tránsito ten e o sombrío da estrada, pero ides no bo camino, non desesperedes, o destino chegará, confiade…

O inicio da ruta está indicado perfectamente por un cartaz. Hai que deixar o coche neste punto (non hai moito sitio) e comenzar o camiño. Un camiño que é un pracer para os sentidos. O chan aínda está cuberto do cor outonal das follas caídas e, de cando en cando, cando sopra o vento, pódese escoitar e ver como aínda as  follas se seguen a desprender das pólas.

O sendeiro está ben indicado. Seguide a ruta segundo as sinais. Eu tomei un pequeno desvío (como non…) máis que nada para saber onde ía dar, non se me fose escapar algo… e, bueno… se vós apetece camiñar un pouco máis e chegar a unha, supoño, antiga adega abandonada, é unha opción, senón, insisto, seguide as indicacións. 
A ruta pódese completar achégandose ata o Castro de Marce, a unhos dous quilómetros (ida e moi sinxelo) , que ofrece unhas fermosas vistas sobre o Miño e logo voltar para facer o descenso propiamente dito ata a fervenza de Augacaída.

Que o cartaz indicador “Fervenza de Augacaída. Tramo perigoso” non vós intimide. Déixadevos levar. Gozade do paseo, detédevos a mirar ao voso arredor e admirade a paisaxe que a natureza vós brinda. Non é cuestión de facer unha maratón, senón de vivilo momento, sentirse na natureza como parte dela.

O último tramo de baixada realmente se complica un chisco, máis que nada porque na época na que eu fun a humidade  convertera as pedras en pistas de patinaxe e había moitos tramos feitos, digamos, un puro barrizal… para eso de enchoupar ben os pés e que quedase constancia de que fixera a ruta. Neste último treito hai colocadas unhas cordas para axudar á baixada e evitar esvaramentos polas pedras (agradecese). E, que vós vou decir? Tenvos o seu aquel…


Durante todo o camiño o son da caída de auga é omnipresente e, xa a carón dela, todo o invade. Realmente engaiola quedar ficando para ela, deixarse envolver pola caída. Pechade os ollos, deixade que as pingas vós salpiquen e sentide que vós purifican. Tómade o voso tempo, non hai presa. Gozado do momento.


E como non só todo o que sobe baixa, senón que tamén todo o que baixa, ha de subir, toca emprender o camiño de regreso. Suxeitadevós as cordas e… para arriba!

Aluméame luniña