Disque hai temporal...
O destino? O castro de Baroña, Porto do Son, A Coruña, a citania máis Atlántica que serve de fermoso mirador ao mar, un mar bravío que tamén agasalla con placenteiros baños cando o tempo o permite. Baños tanto para os que precisan de bañador para ir á praia, como os que non teñen oco para esta prenda no armario, xa que a praia de Arealonga é empregada habitualmente por nudistas.
Para chegar ao castro é necesario seguir unha senda de árbores e vexetación autóctona que por veces deixa ver o mar como se se tratase de pequenas pinceladas de azul no medio do intenso verdor dun bosque galego. E xa se comenza a avistar o castro, impasible ante un mar que ruxe ameazante como telón fondo. Unha perspectiva verdadeiramente marabillosa.
Tras percorrer un camiño pedregoso que conduce á fina area de praia salpicada de rochas pulidas e esculpidas polos golpes do mar, xa estamos ante o castro que durante os séculos I a.C a I d. C. serviu de fogar aos nosos antergos.
Para poder acceder ao castro, no itsmo estaba a primeira medida defensiva, un foso de catro metros de ancho e tres de fondo, a continuación chega unha segunda muralla formada por dous muros paralelos de pedra e area. E, a continuación un triple encintado de muros paralelos e escalonados que rematan na porta da entrada flanqueada por unha torre. Na zona sur, posiblemente debido a dificultade da orografía, o muro non é triplo, senón simple.
Tras á porta de entrada, agrupados en plataformas, pódese distinguir a existencia de dous barrios: zona sur coas primeiras construccións e os restos da torre que flanquea a porta e a zona norte, separada da anterior por unha muralla máis, á que se chega a través doutra porta con escaleiras.
Pénsase que o poboado era case autosuficiente, aínda que non se atoparon restos que permitisen o almacenamento de auga, polo que debía ser precios ir ao exterior na súa procura.
No que atinxe aos achádegos, atopáronse importantes vestixios relacionados coa actividade pesqueira dos habitantes. Tanto é así que hai unha zona do castro denominada "concheiro" na que se atopou unha gran cantidade de conchas de moluscos e mariscos amontoados, espiñas e vertebras de peixes, así como anzois e outros útis para a práctica da pesca. Outras actividades que se cree que se levaron a cabo no castro foron a minería e a metarurxía. Incluso na zona norte hai un forno no que se traballou o bronce o outros metais.
Teño que seguir aconséllando que vos deixedes levar, que vos tomedes o voso tempo en percorrer o castro, imaxinar como sería a vida en cada unha das construccións e permitir que vos engaiolen as vistas cara o mar e o ruxir da oleaxe. Sentade nunha pedra, mirade ao mar e respirade. Bótade fóra o negativo e deixade que o mar, a pedra e o vento vos invadan. Nun día de inverno, pero solleiro e con aviso de temporal... non podía ser máis perfecto!
A todo esto... seica a península castrexa está alfombrada pola chamada herba de namorar, que segundo di a tradición ten propiedades sobrenaturais polas que as mozas eran/son capaces de volver tolos de amor con elas aos seus namorados. Será cuestión de creer ou non creer...
Por certo, non, Lobiño non veu, por esta...
Aluméame luniña