Bookmark and Share

viernes, 21 de abril de 2017

Canteira de Cartelle

Erase unha vez…

Un lugar cheo de actividade, de xente traballando para sacar da nai terra un dos primeiros elementos de construcción que serviu para erguer casas para familias, templos para a oración, sinalizar encrucilladas ou salvar obstáculos tendendo pontes.

Pero deso xa fai anos. Non lembro cantos, pero si lembro de ir ao colexio de Cartelle en autobús e cruzarnos con camións cargados de pedra. Atoparnos cun deses grandes vehículos en certos puntos do traxecto conlevava certa pericia para os conductores e tamén emoción para os escolares que íamos no transporte escolar de a ver como se solventaba a cousa. O que me fai lembrar como cambiou a cousa nos desprazamentos dos cativos (haberá tempo para iso…)

Tamén lembro que, de cando en cando, un estourido tremendo facía tambalear todo ao redor, e iso que Sande non era dos lugares máis cercanos.  Tan só temíamos que o noso Castelo (Torre, se permite chamarlle, a regañadentes, para os de fóra) se viñese abaixo nunha desas explosións.

Pero xa fai anos que ningunha pedra é carrexada polos viais da antiga canteira. Agora só quedan restos do que foi. Como se de un auténtico parque temático de ferruxe se tratase, o lene vento cóase entre os ferros e, de cando en cando, o roce metálico fai rechinar un son que pon a banda sonora ao paseo.

Como non podía ser menos dun lugar abandonado, está cheo de recunchos nos que non é difícil imaxinar o pasado cheo de vida, que serviu como modo de ingresos de familias do concello, aportando algo que é necesario para manter vivo o rural que, desgraciadamente, esmorece en tantos e tantos lugares, traballo.

Agora ese parque temático é un punto de “interese turístico” (chamémoslle…). Máis alá da ferruxe, queda a cavidade da que a pedra se foi extraendo. Un cráter que se foi enchendo de auga dando forma a un improvisado lago no que as fermosas cores turquesas do líquido elemento e o reflexo do entorno non deixan indiferente. Como sacado dunha das mellores postais de viaxes de idílicos paraísos, as augas parecen tinguidas de verde azulado hipnotizando e convidando a ficar e ollalas, con calma, detemento, como buscando que algún misterio emerxa delas… Tamén convidan ao baño… que ben pode ser un refrescante de media tarde, ou un baixo os raios da lúa chea… eí o deixo…

Pero é difícil describir as cores e a súa maxia para a vista, o mellor, convídovos a que o comprobedes. Eso si, sobra decilo, pero con civismo. Nada de máis grafitis sustituíndo as marcas dos canteiros e se queredes merendar ou tomar un refresco, restos nunha bolsiña e para casiña. Gracias!

Aluméame luniña…




miércoles, 5 de abril de 2017

A ti, meu pai

Dezáseis anos. 16 anos. Da igual como o escriba, en letra ou en número, son moitos anos. Por decir, un cuarto de vida, o tempo dun recén nado no seu berce a un adolescente coas hormonas en plena revolución. Pero, se me permitides, eu vou contar eses anos doutro xeito. No número de anos que levo sen pronunciar dúas sílabas, que, a pesar da súa sinxeleza e de seren iguais, abranguen un mundo de sentimentos e significado: “papá”.

Nun destes impulsos impredecibles que me caracterizan e que últimamente se me da por facer con máis frecuencia para sacar proveito de cada minuto que a vida me da, “corrín” cara o fogar, eí onde me criei e onde me ensinaches os valores esenciais que non hai colexio que ensine. E,nun arranque de valentía, volvín abrir as rexas portas de madeira da adega e decidín lembrar. Pechei os ollos e deixei que os recordos me invadisen nas frías instalación subterráneas, rodeada de barricas de madeira e as botellas dunha colleita (a última embotellada xuntos) que resisten ao paso do tempo na zona da “cova”, como simple testemuñas doutro tempo e nas que o paso dos días, estou segura, non as fixeron gañar prestixio, aínda que para min sexa incuantificable o seu valor vitivinícola.

Quixen lembrar os días de traballo nesa adega. Eses momentos compartidos nos que ti me explicabas cales eran os pasos para obter un bo viño (sinto non haber prestado máis atención). E os días de embotellado, as botellas perfectamente limpas e ordeadas no chan. Meticulosamente un pouco de azucre e coñac (si, expertos no mundo do viño, eso non se fai) “Mónica, ten coidado e non te pases co azucre, que logo as botellas non resisten”. Lembrote empurrando a prensa para o mosto, cunha soa man. A pérdida da dereita nun accidente en Alemaña nunca te botou atrás. Sempre activo e facendo de todo… e nunca queixándote.

Lembro aprender a contar con anaquiños de quesitos con pan na merenda e a ler os cómics que me intercambiabas cando ti facías os trocos das novelas do Oeste que tanto che gustaban e que ocupaban as túas tardes de lectura, sempre que os traballos de campo o permitían.

Lembrote facento un canastro, “o canastro”. Como cunha soa man ías encaixando peza a peza ata chegar o día do traslado. Do patio traseiro a finca cercana. Era domingo e unha recua de homes dispostos a ir en procesión co canastro ás costas.

Lembro os teus ollos azuis (si, azuis e loiro que eras, aínda que desa herdanza nin rastro en min), os chocolates Chaparro que me preparabas cando me atopaba mal para que me animase con algo quente, e venme a túa imaxe sentado ante a Olivetti escribindo cartas.

Lembro, lembro… como aprendín a ser “ben mandada”, obediente, pero tamén loitadora polo que quisexe, a que non me deixase vencer, a que eu podía saír adiante como ti tiveches que facer na emigración. A ser independiente e que a educación é un valor que nunca, pase o que pase, che poden arrebatar.

Mágoa de non haber sacado e tido máis tempo. Non haber escoitado máis (demasiado nova, aínda que non é excusa). Pero sei e son consciente de que esos anos sentaron as bases do que son hoxe en día. Que non puiden ter mellor referente e educación, que ninguén me puido ensinar mellor a valorar o que teño, a ser respetuosa, educada, axudar a quen o precise, ter as portas da casa sempre abertas, ser agradecida, a loitar por min e polo que que quero, a ser forte, loitar e sobrepoñerme ás adversidades. A querer a terra e a lingua coas que medrei, a valorar o noso rural, todo o que nos da, e o esforzo que supón sacalo adiante. A ser muller, loitadora e capaz de facer o que me propuxera. Estudiar, viaxar, ir ao teatro ou a unha exposición, pero tamén ser capaz de coller un sacho e un carretillo e que os aneis non se me caian e orgullosa me sinto delo, e de ser capaz de ter a miña hortiña ecolóxica. E se hai que botar patacas, bótanse. E se hai que apañar berzas, apáñanse.

Hoxe ti es o protagonista, pero tamén están contigo outras dúas sílabas que axudaron a darme forma. Para ben ou para mal. Guste ou non. Sexa mellor ou peor. Pero eu.

Pero agora xa non quero lembrar máis. Empeza a doer e aínda queda tanto por lembrar. Xa o farei de novo. Abro os ollos. Todo segue igual. Como se o tempo non pasase. Pero si o fixo, máis maior e con máis experiencia. Tal vez máis forte, pero eiquí estou, querendo sentirme novamente aquela nena que fun, na que vivía protexida do mundo, sen preocupacións, feliz nesa adega, feliz contigo, feliz con vós. E vólvome pequeniña.

Lembrando ou non, con bágoas ou sen elas, a túa impronta sempre vai estar invadindo cada recuncho. E, sen ningunha dúbida, este é o lugar onde sempre voltar.