Bookmark and Share

jueves, 4 de mayo de 2017

Peregrinando ao San Miguel...


Peregrinando ao San Miguel, chova ou faga sol…

O San Miguel… romaría popular que se fai no Coto de Novelle, espazo pertencente a Castrelo de Miño, Arnoia e Cartelle, e onde centos de persoas se citan no sábado de maio próximo a festividade do santo para encontrarse con amigos, familias e, como non desfrutar da boa gastronomía.


Lembro esta romaría dende cativa. Durante o sábado en cuestión, dende primeira hora a mañá o ruido característico dos tractores marcaban o son do desfile cara o Coto cargados con bancos, mesas e as primeiras viandas para ir petiscando e facer fronte á maña á espera de que chegase  á hora de xantar. O sitio xa era recomendado telo reservado dende días antes.


Compre buscar espazos entre árbores que permitan colgar un toldo, por se fai sol… ou por se chove. Clima extremo que se soe dar nesta data. Lembro de anos a chover e converterse os camiños e o monte en pistas de barro e outros… cunha seca e unha polvoreira… pero non se pode fallar (sempre que as circunstancias o permitan).


Pero o San Miguel é moito máis. É “un sentimento”, como reza algunha frase comercial que se escoita nestes días. É a convivencia de familias que gardan esta data na axenda para desfrutar da comida campestre, de amigos que fai tempo que non se ven e acoden ao Coto e, por casualidade ou sen ela, se atopan e póñense ao día das súas vidas. Dende toda a xeografía chega xente e… algo terá, que procuran non faltar. Os que acuden por primeira vez, repiten, ou eso prometen.

Pero antes de que este espazo se encha de xente, de rebumbio, de arrecendo a churrasco e risas, tamén está ben descubrilo valeiro, as ruinas do que foran adegas, cuadras e algunha vivenda.


Un paseo entre restos de pedras pola que soben enredadeiras, no medio das que medran árbores e os castiñeiros medran rexos sen importar portas nin ventas. O engado doutro tempo que novamente nos traslada a un pasado rural que non voltará.

Non podo acabar sen decir que para min sempre estará ligado a unhos tíos especiais cos que ía de nena. Pareceme que o sábado poderei espertar e escoitar o ruido dese tractor (si, aquí no pobo coñecemos á xente polo ruido dos seus tractores) e as empanadillas caseiras que facía a tía, e que sempre reservaba algunha “especial” sen cebola para min. Agora non estarán, pero seguro que de algunha maneira si o farán. Á súa saúde, medio vasiño de viño da casa e unha empanadilla sen cebola.  


Aluméame luniña...e Bo San Miguel!








lunes, 1 de mayo de 2017

Un día no IES Vilamarín... #formados eprofesionais

Chegou o día...

Dende fai varias semanas no IES Vilamarín estase a argallar unha xornada na que todo ten que saír perfecto. Pero no mundo do turismo e a hostelería, nada é seguro e todo pode tornarse en imprevisible. Dende que apareza un cliente cunha suposta reserva para unha noite que non sae en pantalla, que os “amerities” se acaben, que non chegue a tempo a materia prima para a cea, que se che pegue o menú ou o temible cliente queixica co que lidiar dun xeito educado e sempre cun sorriso. E ahí está o primeiro inciso no tema educativo. Para solventar con éxito calquera contratempo, unha boa base en formación, fará sen dúbida saír máis airoso dunha situación inesperada. Pero fóra pensamentos de erros que igual nunca suceden (aínda que o día venteado que se presentou si fixo que se modificase a idea inicial do aperitivo nos xardíns, pero resolto sobre a marcha con éxito). 

Soa o timbre das 10,00 horas. Parece sentirse certo nerviosismo no ambiente. O primeiro, servir aos convidados un reconstituinte almorzo: café, zume natural, pastas, bica, pettites sousses... e xa con elo o alumnado fixo a primeira das conquistas da xornada.

Xa máis espertos e animados, tras romper o xeo e empezar a coñecer á xente coa que compartir a xornada, dan comenzo as chamadas mesas redondas. Nelas, exalumnos como Dani Guzmán (Restaurante Nova, Grupo Nove); Miguel González (Restaurante Gastro Bar Sanmiguel) ou Martín Sousa (de Panadería Milhojas),  amosaron a súa experiencia, de como se lles deu por comenzar no mundo do turismo e a hostalaría e de que hoxe en día están felices coa súa decisión. En común, a importancia para todos eles de ter unha boa formación, ter sempre interese por aprender, e o grato recordo polo seu paso polas aulas do IES de Vilamarín, con algunha confesión de arrepentimento de non
haber aproveitado máis o tempo alí (tómade exemplo e escoitade aos vosos “maiores”).

Toca visita ás instalacións. Visita que leva a un día de prácticas. Acondicionar unha habitación, visita á lavandería e plancha e traballo entre os fogóns da cociña (nos que xa se intuía parte do aperitivo e o menú).

Co tempo enriba, unha exhibición de “latte art” a cargo de Damián Seijas (Campión Nacional de Baristas), coctelería con Guillermo González (Campión de España 2010 e Subcampión de Europa 2012 do Campeonato de servicios de restauración e bar) e cata co sumiller Pablo Vázquez, deron continuidade a unha intensa mañá que rematou cun aperitivo de dez no que viños e cócteles maridaron coas propostas culinarias: mexillóns á vinagreta, croquetas de calabacín e queixo, bricks de zamburiñas, empanada...

Antes da hora de xantar, un minutiño para facer parada no fermoso photocall instalado nos xardíns no Ies e que convidaba ao romanticismo. A pureza dos brancos dunha mullida cama pensada para deixarse caer sobre ela (se alguén se atreveu, que se manifeste!), copas e unha rosa nunha bandexa auxiliar e unha mesiña de forxa para unha tranquila lectura… sen dúbida, eu estou conquistada! E quen non...
Pasemos ao comedor, seguramente, na mente dos alumnos encargados do servicio, “que non nos caia nada”… e nada caeu, e se caese… recóllese! Vou lembrar os platos, porque ben o merecen: ensalada de afumados, bacallau confitado, solombo de porco con milfollas cabaza e castañas e brownie de chocolate e todo elo maridando non só con viños, con pans: tradicional, de millo, de grelos, de tomate... Que decir! Os platos falaron por si sós regresando valeiros. Mágoa de que as imaxes non transmitan olores e sabores.


E con esto, soa o timbre que pon punto final á xornada. O día pasou voando, aínda parece que estamos entrando pola porta e xa nos estamos a despedir. Non gardo máis que bos recordos do día. Do ben que nos fixestes sentir a todos. Das atención, da amabilidade, das vosas caras de preocupación para que nada fallase… e, como non, o bo camiño polo que ides na vosa formación para plantarlle cara ao futuro e deixar ben alto á equipa docente e ás instalación do IES Vilamarín. Noraboa.

Esto non se estila, pero teño que poñer unha “postdata”: agradecida tamén por levar para casa novos coñecidos, xente encantadora coa que espero non perder contacto. E sitóo non levar aínda máis!

Se me permitides a segunda “posdata”, nomear a ofera do IES Vilamarín: Grao Medio en Cociña e gastronomía; Panadería, repostaría e confitería e Servizos de restauración. Grao  Superior en Xestión de aloxamentos turísticos; Dirección de Cociña e Dirección Servicios. Unha boa oferta educativa con prometedor futuro.