Bookmark and Share

jueves, 13 de julio de 2017

Pozas do río Mallón, ou esa era a intención...


Rendida ao sisear...

Toca rutiña, e penso que Lobo aínda tiña máis ganas ca min de botarnos ao monte nunha desas rutas das nosas que nos levan a perdernos e disfrutar co que nos agasalla o entorno. Desta unha ruta cortiña (ou eso creía segundo a info...), no Xurés, Concello de Entrimo, Olelas, unha localidade escondida no monte, á que chegas e, de verdade da boa, non podes ir máis para adiante. Antes de chegar ao pobo, propiamente dito, unha pista á esquerda finaliza no que é o inicio do sendeiro que remonta o río Castro Laboreiro, transfronteirizo, e que leva ata as Pozas do río Mallón.

Segundo di o cartaz da entrada, ata o mirador das Pozas son unhos 3,8 quilómetros, (eu non digo nada). Tras andar un tramo de camiño, chégase a unha zona na que unha ponte atravesa o río Castro Laboreiro, un fermoso espazo no que deterse,  a ida ou a volta, pero sen dúbida deterse. Eu optei por determe á volta.




O tramo do camiño discorre moi preto do cauce fluvial e conta con moitos espazos de sombra, que ben se agradece. As vistas e o camiño son un pracer para os sentidos. Cada recuncho conquista por un ou outro motivo, merece a pena percorrelo sen presa, ollando cada recuncho. Por se vos animades, en certo punto do camiño hai unha porta que parece atrancar o paso, pero vós, para adiante.
Tras unha intensa subida chégase a... onde deben estar as pozas, deben, porque, digamos que o tramo estaba demasiado a monte para as miñas pernas núas e o sisear (ou eso parecía) das serpes non me deron moita confianza, así que quedei coas ganas desa panorámica que se repite na rede. Así que xa voltarei...


O regreso, para abaixo todos os santos axudan... e o mellor, o descanso final, baixo esa ponte da que vos falei. Elixo unha das pedras que emerxen do río, todas perfectas para tumbarse nelas e relaxarse. A soas, o curso do río e as tranquilas pozas que aquí se forman convidan ao baño. 


Pecho os ollos.  Sinto o murmurio da auga, o susurro das árbores ao mover as súas polas, os chíos dos páxaros... a natureza no seu estado máis puro. Fluir. Fusionarse. Desaparecer. Sentimentos encontrados que non quero abandonar. 
Aluméame luniña