Bookmark and Share

viernes, 21 de abril de 2017

Canteira de Cartelle

Erase unha vez…

Un lugar cheo de actividade, de xente traballando para sacar da nai terra un dos primeiros elementos de construcción que serviu para erguer casas para familias, templos para a oración, sinalizar encrucilladas ou salvar obstáculos tendendo pontes.

Pero deso xa fai anos. Non lembro cantos, pero si lembro de ir ao colexio de Cartelle en autobús e cruzarnos con camións cargados de pedra. Atoparnos cun deses grandes vehículos en certos puntos do traxecto conlevava certa pericia para os conductores e tamén emoción para os escolares que íamos no transporte escolar de a ver como se solventaba a cousa. O que me fai lembrar como cambiou a cousa nos desprazamentos dos cativos (haberá tempo para iso…)

Tamén lembro que, de cando en cando, un estourido tremendo facía tambalear todo ao redor, e iso que Sande non era dos lugares máis cercanos.  Tan só temíamos que o noso Castelo (Torre, se permite chamarlle, a regañadentes, para os de fóra) se viñese abaixo nunha desas explosións.

Pero xa fai anos que ningunha pedra é carrexada polos viais da antiga canteira. Agora só quedan restos do que foi. Como se de un auténtico parque temático de ferruxe se tratase, o lene vento cóase entre os ferros e, de cando en cando, o roce metálico fai rechinar un son que pon a banda sonora ao paseo.

Como non podía ser menos dun lugar abandonado, está cheo de recunchos nos que non é difícil imaxinar o pasado cheo de vida, que serviu como modo de ingresos de familias do concello, aportando algo que é necesario para manter vivo o rural que, desgraciadamente, esmorece en tantos e tantos lugares, traballo.

Agora ese parque temático é un punto de “interese turístico” (chamémoslle…). Máis alá da ferruxe, queda a cavidade da que a pedra se foi extraendo. Un cráter que se foi enchendo de auga dando forma a un improvisado lago no que as fermosas cores turquesas do líquido elemento e o reflexo do entorno non deixan indiferente. Como sacado dunha das mellores postais de viaxes de idílicos paraísos, as augas parecen tinguidas de verde azulado hipnotizando e convidando a ficar e ollalas, con calma, detemento, como buscando que algún misterio emerxa delas… Tamén convidan ao baño… que ben pode ser un refrescante de media tarde, ou un baixo os raios da lúa chea… eí o deixo…

Pero é difícil describir as cores e a súa maxia para a vista, o mellor, convídovos a que o comprobedes. Eso si, sobra decilo, pero con civismo. Nada de máis grafitis sustituíndo as marcas dos canteiros e se queredes merendar ou tomar un refresco, restos nunha bolsiña e para casiña. Gracias!

Aluméame luniña…




No hay comentarios:

Publicar un comentario