Bookmark and Share

lunes, 29 de diciembre de 2014


Mudando recordos...

Seica o río Xallas (Dumbría, A Coruña) é o único de Europa que desemboca nunha fervenza. A fervenza do Ézaro, que na súa caída se funde coas augas do Atlántico, que se adentra no interior e forma unha poza de máis de 16 metros de profundidade. Doce e salgado fúndense nun espazo cheo de maxia e engado que ben merece a pena descubrir.

Unha fermosa pasarela de madeira, perfectamente fusionada co entorno, leva aos visitantes ata a fervenza. Un consello, non vos apuredes. Respirade fondo e camiñade. Tomádevos o voso tempo en dar cada paso e gozade das sobrecolledoras vistas que as moles graníticas impoñen.  

Segundo vaiades avanzando, a fervenza do Ézaro irase deixando oír e ver. Maxestuosa na súa caída dende máis de 40 metros de altura e impasible ante a presencia de turistas, visitantes e ducias de cámaras de fotos que queren deter nunha instantánea unha caída que nunca se detén.

Unha vez se chega ao fin da pasarela, unha especie de anfiteatro invita a descansar e contemplar. Outra opción é baixar unhos chanzos e visualizar a fervenza dende as pedras que emerxen da auga. É un bo lugar no que sentar e evadirse. Alonxarxe do mundo que nos rodea, esquecer pensamentos negativos e deixarse levar polo momento. Respirar a paz que a auga transmite co seu son e a súa visualización. E cargarse de enerxía.

Recomendable a visita  en temporada baixa, cando o balbordo da xente non interrumpe os vosos pensamentos e podedes facer fotografías da fervenza, só da fervenza e non sentirvos incómodos por sentarmos a pasar minutos e minutos tan só mirando. Pechando os ollos de cando en cando e respirando con profundidade e sentindo liberdade. Liberdade. Gozade do momento

Unha vez eiquí. Imprescindible subir ata o mirador do Ézaro. Tras unha impresionante subida dende a fervenza, o mirador sito no pico chamado Cruz de Pao, a 273 metros de altitude, ofrece unha das mellores panorámicas da Costa da Morte e que fan sentir o pequenos que somos neste mundo. O cabo Fisterra, as illas Lobeiras, o embalse de Santa Uxía e o mesmo Monte Pindo son algúns dos puntos que se deixan ver. 

Un non se cansa de visitar este lugar. Para min, é un espazo do que sei que vou precisar cada certo tempo para cargar enerxía e atopar paz. Desta última vez iba con outros ollos, outra actitude e buscando mudar sensacións e recordos. E realmente o conseguín.


Se tedes tempo, tamén podedes achegarvos ata a praia de Ézaro, a máis cercana. Tumbádevos na area, relaxádevos, dadevos un baño... deixádevos levar.

Invitovos a que vós tamén o descubrades, ou redescubrades. 

Aluméame luniña...





No hay comentarios:

Publicar un comentario