Bookmark and Share

jueves, 15 de enero de 2015



Corga da Fecha 1. Grazas. Namasté

Toca nova excursión - incursión ao Xurés. Desta con saída dende a Vila Termal de Lobios, É a ruta da Corga da Fecha... ou esa era a intención... 

Os primeiros pasos foron os correctos. Ou eso penso. Lobo (que ten moito protagonismo nesta historia) e máis eu collemos a carretera que discorre paralela ao balneario, deixamos atrás unha casa a man dereita e outra a man esquerda (para despistados). Primeira variante, coller pista a dereita cara o camiño que vai paralelo ao río Caldo (cousa que fixen na primeira volta... si, porque nesta historia hai máis de unha) ou seguir de frente. O caso é que as dúas van dar ao mesmo sitio (cousa que descubrín na segunda volta).

Ben. Primeira volta. Seguir polo camiño que vai paralelo ao río Caldo (onde están os vestixios de Aquis Originis??? Non pode ser que sexa a terceira vez que veño a Lobios, as quero ver e non as atopo). Fermoso o cauce do río, que avanza con calma e cunhas augas cristalinas que invitan ao baño, pero mellor no verán. Algunhos saltos de auga o dotan de maior viveza e sacano do seu tranquilo discorrer. Só fai falta seguir o camiño e, se non sodes despistados coma min... poderedes facer o camiño que tiñades pensado á primeira.

No meu caso e por ir aos biosbardos, paseime do desvio que había que coller e tirei para adiante. E como non me gusta recuar e chegados a un punto, non se sabe o que é peor, fixen unha ruta circular volvendo á vila termal e pasando polo medio do pobo. Non me arrepinto. Foi bonito... e frustante por veces.

Ben. Segundo intento. Eu non marcho sen facer a ruta que quería. Collo carretera, literal. E desta sigo de frente segundo as indicacións dunhos camiñantes que viñan da ruta. E si, eí o vexo. O panel explicativo. Vamos ben, entón. 

E si, algo máis adiante os restos das termas Aquis Originis. Por fin! agora si estou na boa senda. Feliz. Seguimos a ruta ata dar cunha primeira parada na cascada Corga da Fecha.  Non podo menos que achegarme, atrapada polo son e a caída da auga. Aconsello achegarse o máximo posible, con coidado, para poder meterse de cheo na natureza e na maxia que esconde o Xurés. 

Tras gozar de cada momento nesta parada, toca remontar camiño e seguir o ascenso. Pero a man esquerda hai un camiño, menos transitado, que invita a subir... a curiosidade chámame, chámanos, e alá imos. Impresiona. A caída é espectacular e a auga... a auga tan transparente e cristalina, que parece sacada dun conto. 

Hai unhas pozas algo máis arriba, pero a cantidade de auga fai que non se poida subir máis a non ser con dificultade. E eu son consciente. Pero Lobo non, e, nun descuido, alá está, entre pozas de auga, caídas de pequenas fervenzas e grandes pedras. Ata eí todo ben, o problema e cando o chamo para que volte e comenza a esvarar pola pedra inclinada e non ten forma de que as súas patas se agarren á pedra. Tento convencelo de que volva, indicarlle por onde ir... imposible. Colleu medo. Laiase e eu non podo facer nada. Sei que podo subir a collelo, pero estando soa, o mesmo non o contaba. 

E eí aparecen dous anxos, Suso e Chus, dende Santiago ao rescate. Eles estiveron alí mentres eu agatuñaba polas pedras ata chegar onde Lobo, conseguir poñerlle a correa e arrastrarnos os dous pedras abaixo. E a todo esto, alá van case dúas horas...



O camiño de volta fixemolo os catro xuntos, con risas e bromas. Deixando atrás o momento vivido. Aínda que ei de recoñecer, igual son unha incauta, que eu non vin tanto perigo como Suso e Chus viron. Non sei porque, sabía que era cuestión de tempo e que acabaría saindo ben.

En positivo: amizade, solidariedade e que son máis destemida do que pensaba. Nunca tiven vestixe, pero as veces as caídas e a inseguridade botábanme para atrás. Pero desta, cando vin que non había outra maneira, agatuñei e andiven polas pedras sen medo, metín os pés na auga e non temín caer. As caídas son para erguerse. 

E ata eí a excursión do día... bueno, xa que estábamos, unha visita aos Miliarios era case unha obriga antes de marchar de Lobios. O do baño no río Caldo queda para outra, aínda é moito de día e está ateigado. Gústame en máis intimidade.

Visitas obrigadas:

Aquis Originis: Próximo ás instalacións termais. Unha instalación termal de carácter lúdico hixiénico. 

Miliarios: Reunidos artificialmente, na área recreativa da Ponte Nova, Portela do Home. Cada un deles estaba adicado a un emperador ou mando militar. 

Novamente, grazas/Namasté. E credes que voltei cargada de enerxía?

P.D. Voltarei e farei a ruta completa. E desa a detallarei máis como guía que como opinión.

A quen lle atinxa: Deberían de marcar xa na vila termal por onde hai que coller para dar comenzo ao roteiro, fóra de que haxa un panel informativo onde comenza. É o punto de partida e de chegada para moitos. Mellor sinalamento. 

Aluméame luniña





2 comentarios:

  1. Esta Moniquiña, que toliña me está...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Toliña de todo, señor Freire! E dirás... a vaia horas contestas... pois mellor tarde, que nunca... ademais, xa che respondo a miúdo e en directo!

      Eliminar