Bookmark and Share

miércoles, 21 de enero de 2015

Lume!!!



Lume!!!

O 19 de xaneiro é San Sebastián. Non, non é que agora se me dera polo santoral, que podía ser, dígoo porque na localidade de Castro Caldelas celebran unha das festas máis senlleiras de toda Galicia na que o lume ten un especial protagonismo: a festa dos Fachós. Unha cita única e na que hai que sumerxise de pleno para gozar dela en todo o seu esplendor... e saber do que se fala.
Como todo o que se  celebra hoxe en día, esta festa tamén ten a súa historia. Para elo é necesario ir séculos atrás cando no ano 1753, un andazo de peste azoutou a comarca e os veciños da vila decidiron pedir a intercesión de San Sebastián. Nestas estaban cando se lles ocorreu queimar todas as pertenzas dos apestados para acabar con ela. Xa liberados da enfermidade, como agradecemento, declararon a San Sebastián patrono da vila e dende entón a festa reproducese ano tras ano. Sempre na noite do día 19 de xaneiro, sexa o día da semana que sexa e sen por elo disminuir o interese e a participación.

Esa é a teoría máis extendida, pero hai máis, como a que relacciona a festa coa agricultura: cos fachós queimábanse bosques e rastrollos para poder ser labrados e gañar terreos cara a sementeira. 
Ben, xa postos en situación e porque de todo hai que saber, toca a festa. Centos de personas se agolpan, chegado o lusco fusco, nos arredores da igrexa da localidade.

Ese é o punto de partida do gran fachón feito de palla e que neste ano ten unos 40 metros de longo. Está faito con palla cultivada especialmente para a ocasión,  xa que hoxe en día non son moitos os que se adican a este tipo de cultivo e o que se recolle está moi mecanizado e non é posible facer con ela os fachós. 

Pouco antes de que chegue o “gran fachón”, dase comenzo ao reparto dos pequenos fachós entre os asistentes. Hai que andar espabilado se se quere portar un!! Nenos e maiores buscan o seu atadiño de palla para ser participes na procesión portando o purificador lume e… é cousa miña ou noto certos nervios no aire?
O estridente son dun fulión anuncia a chegada do fachón principal que, portado por arredor de 35 personas orgullosas polo seu papel como “conductores” da festa pola vila, se coloca para que poida ser bendecido polo párroco da localidade. Tras elo, prendéselle lume e o son das campás da igrexa anuncian o inicio da procesión.
Pouco a pouco os fachós dos asistentes vanse prendendo no principal e o lume comenza a iluminar e dar calor na negra e fría noite polas rúas do Casco Vello da vila. 
Recoñezo que fai falla certa, chamémoslle valentía, para ir no medio da procesión, entre fachós de lume que pouco a pouco se van desfacendo. Pero, dame que é un medo máis dos que vamos de fóra e é a nosa primeira vez, que dos que xa son expertos na materia, xa que xente de todas as idades participa, sen temor ningún. 
Tralo percorrido, a comitiva remata novamente no adro da igrexa, onde se van queimando todos os fachós nunha gran fogueira depedíndose do cerne da festa deste ano. 
E digo cerne, porque, onde se viu unha festa galega sen boa gastronomía? Así que, antes do remate da festa, para repor forzas, chourizos asados nas brasas, tamén elaborados específicamente para a festa, pan e viño da localidade axudan a facer máis levadeira unha noite que se prevé longa, moi  longa... 
Con estas, o lume vaise apagando, pero non a festa. Aínda é cedo e queda moita, moita noite por diante. 

Aluméame luniña




No hay comentarios:

Publicar un comentario