Bookmark and Share

lunes, 20 de noviembre de 2017

"O belo e vello Portomarín"

Asulagaron os soños, emerxeron os recordos. Triste pasado, seco presente.

Loce o sol. Unha constante dos últimos meses que conleva que a auga comece a escasear, que os ríos se convertan en regatos e o nivel dos embalses descenda. Tanto é así que o pasado emerxe de lugares como Portomarín (Lugo), que alá polos anos 60 viu como a súa vila orixinal, declarada Conxunto Artístico Nacional (1946), quedase sumerxida baixo as augas do embalse de Belesar.


Casas, negocios, arquitectura artística e popular, hortas, viñedos, o cemiterio (previo traslado dos corpos)... quedaron baixo as augas do que é o segundo embalse hidroeléctrico máis grande de Europa, mudando os soños e o trascorrer do día a día dos veciños que deberon mudarse ao novo pobo. A nova vila segue unha estética tradicional e garda entre as súas rúas construccións rescatadas daquel antigo Portomarín, como a igrexa de San Xoán, cuxas pedras foron numeradas e trasladadas unha a unha á nova vila, a igrexa de San Pedro, os pazos do Conde de Maza, Pimentales ou Berbetero ou o arco que preside a entrada do pobo é que formaba parte da ponte romana.


Paso obrigado do Camiño de Santiago, o antigo Portomarín emerxe hoxe amosando o engado dos esqueletos das construccións que nun tempo estiveron cheas de vida dando forma aos dous barrios separados polo Miño. Entre eles, a base dun palco da música que nos días de festa reunía ao pobo para escoitar e bailar ao son da banda; os piares base que serviron para acoller a igrexa provisional; a fábrica da luz que iluminaba as noites dos veciños ou as vivendas da antiga aldea de Ferreiroá.

Paseando polo que sería o seu coqueto malecón, un pode regresar ao pasado da man dos dez paneis instalados para informar aos visitantes (en tres idiomas) do que fora a vila. Neles recóllese unha descripción dos lugares máis emblemáticos e están acompañados por un código QR que trae aos trebellos imaxes do "belo e vello Portomarín", segundo rezan. Un bo aproveitamento turístico para un un triste pasado e seco presente contra o que non se pode loitar.
As pantasmas das ruinas da vila e os troncos de árbores mortas contrastan co verde tapiz que comeza a medrar. Unha estampa que non deixa de ser fermosa e atraer a miles de visitantes que se mesturan cos peregrinos a Santiago e que se ven sorprendidos polo encanto dunha vila con dúas facianas, a do pasado e a do presente.
Dende as terras altas do Monte do Cristo onde se levanta o novo Portomarín, os veciños ven dende mediados do século XX (1962) a  vella vila e, con nostalxía e tristeza, contan a fillos e netos como era a vida alí, antes de que o Miño volva a engulir as ruinas por quen sabe canto tempo e as xacias volvan a dominar as augas.
Outro dos reclamos de Portomarín é a Festa da Augardente que se celebra o día de Pascua (no 2018 a súa 48 edición) e que atrae a miles de persoas a degustar a espirituosa bebida.

Non moi lonxe da vila ubícase o Castro de Castromaior, a pé do Camiño de Santiago, no que as rúas transversais dividen os edificios de planta cuadrangular e esquinas redondeada. Unha importante testemuña da historia máis antiga da que se excavaron dous dos seis recintos co que conta, descubrindo e reconstruíndo parte de murallas e vivendas.

E baixo o intenso azul do ceo emprendemos o regreso. Na retina, fermosas imaxes. No maxín, o día a día dunha vila asulagada.
Aluméame luniña




1 comentario: