Bookmark and Share

lunes, 4 de diciembre de 2017

A Cela

Era unha escapada pendente. Ou unha fuxida... unha fuxida do tempo actual e o que o rodea. Un encontrarme a min mesma no mesmo corazón dun espazo que, dende que mo descubriron, non podo deixar de voltar unha e outra vez para respirar e ordearme.
A Cela, Lobios, Parque Natural Baixa Limia Xurés, é unha recóndita aldea na que os bolos graníticos se fusionan coas vivendas dando forma a un espazo senlleiro no que vale a pena perderse.
A igrexa de Santa María recibe a veciños e aos que ata alí nos achegamos para deixar paso a un pobo que soubo adaptarse as condicións do entorno e aproveitar eses bolos para que, dalgún xeito, formasen parte das súas vidas.

Afectados polos recentes incendios dunhos días negros en Galicia, os veciños son poucos. O futuro, o sorrir dunha cativa de 20 meses que, con certo temor, aloumiña a Lobo mentres a nai me conta que nese día tiveron que fuxir, co medo de cheo no corpo e sen saber se voltarían ao que é o seu fogar. E eso, esté onde esté, é o máis importante. O fogar. De onde un sinte que é.

Como debe ser sempre, tamén aquí é necesario deixarse levar e sorprender polo recunchos da Cela. Polos seus canastros noutros tempos cheos de sustento, polos bolos que non venceron a un pobo, senón que formaron e forman parte del, polas vistas dos montes e montañas… sen reloxo. Só achégate e sinte como se o tempo se detivera. Sen presa. Pensa no seu pasado, nas rúas cheas de vida.
E soña. Soña cun futuro do rural.

Aluméame luniña








No hay comentarios:

Publicar un comentario